O BNG alza a voz contra o megaproxecto "Conso II" de Iberdrola en Vilariño de Conso, unha central xigantesca que ameaza con transformar a comarca sen aclarar que beneficios concretos deixará na zona. O deputado Secundino Fernández formulaba unha batería de preguntas na Comisión 6ª do Parlamento galego, esixindo respostas claras á Xunta sobre esta macroinfraestrutura, pedindo explicacións sobre os impactos e beneficios que terá nos concellos afectados e denunciando a opacidade do Goberno galego. Mentres, María José Echevarría Moreno, directora xeral de Calidade Ambiental da Xunta, remitiu a competencia do asunto ao Estado central.
A iniciativa contempla a construción da maior central hidroeléctrica reversible de España e Europa na conca do río Bibei, conectando mediante unha dobre condución hidráulica os encoros de Bao e Cenza. Un proxecto que, a xuízo do BNG, debe traer consigo explicacións detalladas sobre os seus impactos e os beneficios concretos para os concellos directamente afectados. Tamén está en marcha a tramitación dunha subestación de 400 kV en Viana do Bolo e dunha nova liña aérea que cruzará o municipio, co fin de dar saída á enerxía xerada, aumentando aínda máis o impacto no territorio.
O BNG non se cre os cantos de serea sobre os supostos beneficios e afirma que a Xunta debe explicar con números e feitos que retorno terá para Vilariño este proxecto faraónico, máis aló de promesas baleiras e titulares grandilocuentes. "Todo isto estase facendo sen información pública, sen explicar á veciñanza o alcance real desta megainfraestrutura, só grandes titulares de prensa que venden bondades e ningún problema", criticou o deputado.
Que a riqueza fique no territorio
O deputado do BNG insistiu na necesidade de que a riqueza enerxética que emana destes concellos revierta na súa poboación, en lugar de beneficiar unicamente a grandes empresas con sede noutras provincias, como Madrid, que acumula a maioría dos beneficios fiscais a pesar de que Ourense é a principal produtora hidroeléctrica do Estado. Fernández lembrou que a conca Miño-Sil é unha das máis explotadas polas eléctricas sen que esta "sobreexplotación pareza ter fin".
Fernández non dubidou en criticar a paradoxa de que concellos como Viana do Bolo e Vilariño de Conso, que conxuntamente producen o 25% da enerxía hidroeléctrica de toda Galiza, non vexan un retorno significativo en termos de riqueza e emprego para a súa poboación. "Poderiamos estar orgullosos deste dato, pero en realidade só serve para que grandes eléctricas se inflen a millóns porque riqueza e traballo deixan ben pouco na nosa provincia", lamentou Fernández, alertando do grave "impacto social e ambiental" nun espazo Rede Natura que afectará a vida local.
Falta de transparencia
Ante a resposta da directora xeral de Calidade Ambiental da Xunta, María José Echevarría Moreno, quen remitiu a competencia do asunto ao Estado central, Fernández replicou con contundencia: "Se todo depende do Estado, por que se xuntaron representantes da Xunta, de Iberdrola e os alcaldes para falar desa megacentral?". Echevarría Moreno asumía o cargo en outubro do pasado ano; nomeada por Alfonso Rueda non sen certa controversia ao ser a muller de Antonio Casal Lago, director territorial de ENCE en Galicia, viña de ser a directora territorial en Pontevedra da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
O BNG tamén denunciou a "opacidade e falta de transparencia" na tramitación do proxecto, sinalando que a Xunta xa autorizou unha galería de investigación xeolóxica sen a preceptiva avaliación ambiental ordinaria. Ademais, preocupa o impacto da evacuación de cascallos na principal vía de comunicación de Vilariño de Conso, unha cuestión que xa foi advertida polo goberno municipal. A isto súmase a tramitación da subestación en Viana do Bolo e a nova liña aérea para evacuar a enerxía, incrementando o impacto territorial. "Todo isto estase facendo sen información pública, sen explicar á veciñanza o alcance real desta megainfraestrutura", criticou Fernández.
