As asociacións deportivas e culturais de Viana do Bolo viven unha situación crítica debido ao bloqueo das subvencións municipais por parte do goberno local do Partido Popular desde o ano 2023. A falta de ingresos está a poñer en risco a continuidade de numerosas actividades vitais para o desenvolvemento social e cultural do municipio. Ante esta situación, o PSdeG-PSOE de Viana do Bolo presentou unha moción para o seu debate plenario, instando ao goberno municipal a desbloquear de inmediato os pagamentos.
Estas entidades integran a un elevado número de veciños e veciñas de todas as idades, e abarcan ámbitos tan diversos como a música (Orfeón), o teatro (Candea), as actividades infantís (Vianariño), o entroido (Folións), a natureza (Robleda, Naútico) e o deporte (CD Viana), ademais de outras presentes en varias parroquias. A preocupación é palpable entre os membros destas asociacións, que alertan do risco real de ter que cesar as súas actividades se non reciben os fondos municipais pendentes: "Non somos quen de seguir cas actividades, xa que as cotas abonadas polos usuarios non chegan para manter o traballo diario", sinalan fontes das propias entidades.
A ausencia das subvencións comprometidas polo Concello está a abocarlles a unha precaria situación económica, insuficiente para manter a súa actividade diaria. O voceiro socialista, Germán García-Ávila Arias, critica que o PP se "negue a pagar as subvencións, aducindo a falta de presupostos", cando considera que existen mecanismos legais para facelo, mesmo con orzamentos prorrogados, tal e como xa ocorreu en ocasións anteriores no propio concello e noutras administracións.
Moción para o seu debate no pleno deste xoves
A moción socialista busca que o alcalde levante calquera reparo que impida o abono das subvencións, que se busquen alternativas para garantir os pagos mesmo sen orzamentos aprobados, que se habilite legalmente o pagamento mediante unha modificación orzamentaria e que, en caso de persistir o bloqueo, se solicite asesoramento xurídico á Deputación de Ourense para atopar unha solución urxente que permita ás asociacións culturais e deportivas de Viana do Bolo continuar co seu importante labor.
García-Ávila Arias acusa ao alcalde, Andrés Montesinos, e ao seu equipo de goberno de "pór escusas de mal pagador", xa que tal e como apunta: "Escúdanse en informes técnicos contrarios a facer as achegas sen orzamentos, cando non deixan de ser unha interpretación xurídica máis; hai outras interpretacións que din o contrario e hai exemplos de pagos de subvencións sen orzamentos como sucedeu no noso concello en catro exercicios, sen problema técnico ou xurídico algún". A comunidade local agarda unha pronta resposta por parte do goberno municipal para evitar un dano irreparable ao tecido asociativo do concello.
