
Os programas de conciliación axudan, especialmente no verán, a compatibilizar o coidado dos nenos e o traballo. Gabriel Alén, delegado da Xunta en Ourense, visitou ós cativos de Viana que participan no Programa Concilia, ao que a Consellería de Emprego e Igualdade aportou case 16.000 euros. As actividades son unha ludoteca, obradoiros e xogos que se están a levar a cabo na Casa da Cultura e no pavillón municipal en horario de 10:00 a 14:00 horas, nos que participan 50 nenos de 4 a 14 anos no mes de agosto.
Nesta visita a Viana, Alén reuniuse con Maria Carmen Conde, tenente de alcalde no Concello, e valoraron a importancia deste tipo de programas para as familias. O delegado da Xunta destacou que a conciliación axuda a romper con aqueles estereotipos que potencian as desigualdades, polo que "todos debemos traballar para fomentar a conciliación e crear sinerxias para armonizar as nosas vidas e facer un uso racional e máis acomodado dos nosos tempos".
En toda Galicia, as axudas destinadas á conciliación no 2022 chegaron ata os 1,4 millóns de euros. No caso da provincia de Ourense, a inversión superou os 450.500 e isto permitiu poñer en marcha 28 programas de conciliación en 41 concellos dos que se benefician 1.049 familias e 1.378 menores de 18.
Ademais, Alén aproveitou este encontro cos cativos de Viana para poñer en liberdade e reintroducir no medio a unha cegoña e a tres aves rapaces nocturnas tras o proceso de rehabilitación desenvolto no Centro de Recuperación da Fauna do Rodicio.
