domingo. 19.07.2026
Os festexos comezan este venres e rematarán o día 16

NOTICIAS VERÍN | Viana vai de troula para celebrar as súas festas patronais

Cartel das festas en Viana.
Cartel das festas en Viana.

Os veciños de Viana volverán desfrutar das súas festas patronais por todo o alto. Desde este venres e ata o día 16, terán numerosas actividades para honrar á Nosa Señora da Asunción e a San Roque. A programación está pensada para todas as idades e non faltará a música en todas as xornadas.

Este venres comezarán os festexos cunha festa ao estilo dos anos 80. Pola mañá haberá un pasarrúas coa charanga Bicoia e, no Toural, a sesión vermú estará a cargo de Soul&Roll. Pola tarde organizarán xogos tradicionais dos anos 80 ás 20:00 horas, mentres que 45 minutos despois haberá sorpresas na Praza Maior e unha festa holi de cores, para darlle paso unha vez máis a Soul&Roll ás 21:00 horas. Xa pola noite, en concreto ás once, Desconcerto encargarase de interpretar vesións dos en directo dos 80 en San Roque e logo, os establecementos que colaboren nesta festa poñerán música da época. Ademais, na Praza Maior instalarase un mercado vintage durante todo o día e na noite faranse sorteos.

O 12 de agosto tamén se presentará o libro "Cuaderno de Viana", do vianés Jesús García "El Beatle", no que se recollen relatos e imaxes relacionados coa comarca. Este evento terá lugar na Casa da Cultura do concello ás 20.00 hora.

O sábado, os veciños de Viana poderán desfrutar da actuación dos grupos da Xornadas de Folclore ás 22:30 horas na Praza María Pita. O concello recibirá á Compagnie Artistique Mien-Moh, de Costa de Marfil; ó  Ballet Folclórico Municipal de Rancagua, de Chile; e á Liga Tari Mahasiswa Kridabudaya, de Indonesia. Logo, haberá verbena a cargo da orquesta Olympus, un dos pratos fortes destas festas.

A programación continuará o domingo 14 de agosto cun desfile de moda coas pezas do deseñador Jorge De Álvarez, que se levará a cabo na rúa do Toural ás 19:30 horas. Pola noite a verbena será a cargo da orquesta Gran Parada.

O luns, 15 de agosto e un dos días grandes destas festas, terase unha misa e procesión na honra da Nosa Señora da Asunción. Despois dela haberá unha sesión vermú coa banda de música A Candea. Pola noite, o músico Roi Casal ofrecerá unha actuación na Praza María Pita ás 00:30 horas. A orquesta Royal será a encargada de amenizar a festa nesta xornada.

O último día de festas en Viana festexarase na honra de San Roque. Pola mañá terán unha misa e unha procesión da imaxe do santo, mentres que pola tarde será o turno da orquesta Malasia para amenizar a xornada.

NOTICIAS VERÍN | Viana vai de troula para celebrar as súas festas patronais