O Concello organiza actividades culturais e deportivas para todas as idades

NOTICIAS VERÍN | Carlos Núñez, protagonista dun verán moi activo en Viana

Programación de verán en Viana.

O Concello de Viana do Bolo contará este verán cunha ampla programación de actividades para desfrutar na tempada estival baixo o lema "Empápate do verán de Viana!". O calendario xa comezou o pasado 4 de xullo co inicio do segundo Campus Atlético de Madrid no municipio e rematará o 3 de setembro co prato forte, o concerto de Carlos Núñez.

O músico galego chegará a Viana grazas á xira Lugares Máxicos. A cita será na beira do río Bibei e o gaitero non estará só, xa que contará coa presenza das figuras máis representativas do Entroido da zona. As entradas están xa á venda no Concello de Viana.

Esta semana tamén arrincaron as actividades da ludoteca de verán para axudar na conciliación familiar. Esta actividade rematará o 29 de xullo. Nesta liña de axudar a compatibilizar o tempo familiar, do 1 ó 19 de agosto organízase un campamento de verán totalmente de balde. O prazo de inscrición para este último estará aberto ata este venres para nenos nados entre 2008 e 2017. Para anotalos só se precisa cumprimentar unha solicitude e a autorización do tratamento de datos persoais, que deberán presentarse no Rexistro do Concello por vía telemática ou presencial. 

Para aumentar un pouco a adrenalina, esta fin de semana instalarase unha tirolina de 70 metros de lonxitude nas piscinas municipais. O horario tanto do sábado como do domingo será de 12:00 a 14:00 horas pola mañá e de 17:00 a 19:00 horas pola tarde. Os días 30 e 31 de xullo recuperarán o ámbito deportivo cun alquiler de kaiaks. Ambas actividades retomaranse o 20 e 21 de agosto. A programación deste mes rematará co Festival Castelo Son que tará lugar os días 23, 24 e 30.

Na programación de verán de Viana xa hai actividades que están en marcha, como o concurso "Viana ponte guapa!". Este certame quere premiar á fachada mellor decorada do municipio. Ó seu remate, elexirase ós gañadores que se levarán bonos para gastar no comercio local por valor de 200, 100 e 50 euros.

 

Neste mes tamén comezou o programa "Cre, Crea, Crece" destinado á promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero que se levará por diferentes aldeas do municipio, previa inscrición no 988 329 260.

Agosto dará comezo coa proxección de "Pegadas" o 6 de agosto. O día 13 será o inicio das festas patronais, que rematarán o día 16. Nese primeiro día contarán coas Xornadas do Folclore para coñecer máis as culturas tradicionais doutros países. Do 22 ó 26, levarase a cabo o campus deportivo "Vila de Viana" e a visita de Os Bolechas queda por determinar neste verán moi movido, no que non faltarán as sorpresas.

Cartel do concerto de Carlos Núñez en Viana.