viernes. 19.04.2024
Casa do Concello de Viana do Bolo.
Casa do Concello de Viana do Bolo.

Os plenos ordinarios do Concello de Viana do Bolo levan meses sen poder celebrarse e o PSOE critica a actuación do goberno municipal do PP, que "incumpre de xeito sistemático e flagrante" os acordos nos que se contempla que teñen que facerse cada dous meses. "Leva sen convocar as sesión plenarias dende marzo e opta polos extraordinarios nos que tan só se trata a orde do día elaborada por eles mesmos, excluíndo o debate de mocións presentadas polo resto de grupos", sinalan os socialistas.

O alcalde, Andrés Montesinos, explica que a situación deuse pola baixa da secretaria municipal, figura que é imprescindible para a convocatoria dun pleno. "Estamos intentando solventar esta baixa, de momento arranxamos co secretario da Deputación que asiste para os plenos extraordinarios. Non foi posible ter a unha persoa aquí para facelos ordinarios", explica. Montesinos critica as protestas dos socialistas, ós que acusa de ter unha "pataleta" porque se aveciñan as eleccións municipais: "Xa pasou no seu momento co BNG e, se non tes, non podes convocalo", engade.

Dende a Agrupación Socialista de Viana afirman que o goberno local "se escuda en modificacións dos planteis e na ausencia da secretaria” para non convocar un pleno ordinario, no que a oposición poda presentar as súas mocións e se responda as súas preguntas. "Están a furtar á veciñanza o seu dereito a coñecer as diferentes propostas e iniciativas dos grupos da corporación municipal e tampouco o destino dos cartos das arcas municipais que se gastan en diferentes actuacións”, destacan.

Despois de moitos meses de búsqueda, o alcalde confirma que recentemente atoparon a unha persoa que cubra esta baixa. "A día de hoxe, se non pasa nada malo, xa temos un secretario despois de moitos meses tirando da bolsa de emprego da Deputación", indica o rexedor. Ante isto, os socialistas critican que mañá se vaia celebrar un novo pleno extraordinario, do mesmo xeito que se fixo nos últimos meses, "en lugar de recuperar a normalidade democrática”.

Os socialistas esixen un pleno ordinario na "maior brevedade" para debater cuestións como a creación dun aparcadoiro ao carón da Praza Maior, sobre o estado do arranxo da estrada de Edroso ou a futura construción dun centro de día en terreos xa cedidos polo Bispado, entre outras. "Queremos que nos deixen debater estas cuestións e que non se silencie aos representantes da veciñanza, nin se agochen as iniciativas aprobadas nos plenos”, aseguran os socialistas vianeses.

NOTICIAS VERÍN | Viana leva meses sen pleno ordinario pola baixa da súa secretaria