O éxito da Festa da Androlla de Viana de Bolo é total nesta edición. Somentes tres días despois de pór á venda as entradas, esgotáronse. Un total de 1.300 entradas que, este ano, incrementaba o prezo ata chegar aos 30 euros para degustar o menú preparado na que será a 52ª edición do festexo gastonómico.
Xunto coas autoridades convidadas, os asistentes sentarán nas mesas preparadas no Pavillón Municipal dispostos a gozar da excelencia do produto estrella da gastronomía das terras de Viana. Noutro punto da vila, no campo da feira, xuntaranse para xantar os fulións, as carrozas, os boteiros e a xente do desfile; mesmo menú para case 1.400 persoas.
Un xantar que comezará cun consomé con picatostes para preparar o paladar antes da androlla co seu cocido: lacón, grelos, patacas e chourizo. Logo, o polémico cordeiro asado con ensalada; prato que leva dado moito que falar por ser causante da suba no prezo da entrada. Para finalizar, bica, café e viño e auga para todos e todas.