sábado. 27.04.2024
Andreės Montesinos e Luis Menor - 2
Luis Menor e Andrés Montesinos logo da reunión mantida na Deputación de Ourense.

A Deputación de Ourense colaborará este ano co proxecto de mellora do campo de fútbol de Viana do Bolo no que se instalará céspede artificial. Así o ratificou o presidente da Deputación, Luis Menor, tralo encontro mantido co alcalde de Viana, Andrés Montesinos.


Tal e como anunciou Luis Menor, "este proxecto formará parte do Plan de Infraestruturas Deportivas que proximamente asinaremos coa Xunta de Galicia e que permitirá mellorar instalacións deportivas coma esta, tan importantes para os concellos e os clubs da nosa provincia".

O anuncio prodúcese somentes un día despois de que o PSdeG-PSOE de Viana acusara ao alcalde do Partido Popular "de mentir descaradamente e optar por falsas promesas" respecto á tan agardada reforma do campo de fútbol. Germán García-Ávila sinalaba que a situación “só ten un culpable, Andres Montesinos, quen provocou que a reforma do campo non se incluíse no convenio asinado por varios concellos coa Deputación de Ourense, sendo substituído polo de Arnoia".

No último pleno provincial, os socialistas preguntaban as razóns polas que a Deputación desbotara do convenio a reforma do campo de fútbol. Luís Menor informaba que o motivo era porque o alcalde de Viana trasladoulle que "o proxecto, pola parte correspondente ao concello, aínda non estaba maduro". Situación que os socialistas denunciaron este mesmo martes, 2 de xaneiro. Un día despois, Andrés Montesinos reuníase co presidente da Deputación para acordar a reforma.

Colaboración en proxectos estratéxicos

Durante a xuntanza, o presidente provincial comprometeuse tamén a colaborar con outro dos proxectos estratéxicos que demanda o Concello de Viana do Bolo como é a creación dun Centro de Día "para dotar deste servizo tan necesario á veciñanza", sinalou Menor.

Por outra banda, na reunión acordouse que a Deputación estudará a posibilidade de repoñer o servizo de recadación en Viana e continuará traballando no mantemento e mellora das estradas provincias que atravesan este municipio.

O campo de fútbol de Viana do Bolo terá céspede artificial