domingo. 19.07.2026
Vén de presentar unha moción para ser debatida no pleno deste xoves ás 20:00 horas

O BNG de Viana do Bolo defende un servizo ferroviario útil na Gudiña e esixe a revisión dos horarios

Secundino Fernández BNG Viana central hidroeléctrica Conso II
O deputado autonómico e voceiro en Viana, Secundino Fernández.

O portavoz do BNG no Concello de Viana do Bolo, Secundino Fernández Fernández, presentou unha moción en defensa dun servizo ferroviario útil na estación da Gudiña – Porta de Galiza e para solicitar a revisión dos horarios dos trens de alta velocidade. A iniciativa xorde tras as recentes modificacións nas frecuencias e horarios que, segundo o BNG, prexudican gravemente á veciñanza da comarca e das áreas de influencia da estación.

As novas condicións de viaxe, que inclúen unha redución de ata a metade das frecuencias diarias e unha concentración de saídas e chegadas nas horas centrais do día, fanse incompatibles cos usos laborais, sanitarios, educativos e doutros servizos básicos, como así o entende o voceiro nacionalista no Concello de Viana do Bolo. Ademais, aumentan os tempos de viaxe cara a Vigo, Santiago e A Coruña.

Impacto nas actividades cotiás

A moción detalla como estes cambios afectan directamente a distintos aspectos da vida cotiá. Segundo sostén o BNG de Viana do Bolo, na:

  • Sanidade: dificulta as citas médicas en Ourense, Santiago ou Vigo, obrigando a desprazamentos máis longos ou mesmo a viaxar o día anterior, xerando gastos adicionais.
     
    •  Ata agora: Chegábase a Ourense arredor das 9:00 e a Santiago/Vigo sobre as 11:00, con volta ata as 18:50 (Ourense) ou 17:15 (Vigo/Santiago).
    • A partir de agora: Chegada a Ourense non antes das 11:00 e volta adiantada ás 17:00. Para Vigo e Santiago, chegada ás 15:30, obrigando a viaxar o día anterior e asumir gastos extra.
  • Estudantado: "Moitos mozos e mozas que estudan en Ourense, Santiago, Vigo ou Madrid verán complicados os seus desprazamentos para asistir a clases, exames ou regresar a casa as fins de semana", di o voceiro do BNG en Viana do Bolo.
  • Traballadores: Fanse inviables as viaxes laborais diarias tanto para quen vive na comarca e traballa fóra, como para quen se despraza á área da Gudiña para traballar.​
    • Ata agora: Era posible usar o tren para vir traballar á área de influencia da Gudiña-Porta de Galicia e tamén para desprazarse desde aquí a Ourense ou Madrid e volver no día.
    • A partir de agora: Os primeiros trens saen moito máis tarde (de 8:30 a 10:30 ou mesmo despois das 12:00), e o último tren adiántase, facendo inviable a viaxe laboral diaria tanto para quen vén coma para quen marcha.
  • Servizos administrativos e xudiciais: Xestións en organismos públicos ou xulgados nas capitais xa non se poderán realizar nun só día.
  • Turismo rural e desenvolvemento local: A menor accesibilidade desincentiva as visitas, afectando negativamente a casas rurais, restaurantes e comercios locais.
  • Emerxencias: A redución de opcións limita a capacidade de resposta ante imprevistos, incrementando a sensación de illamento.

Acordos propostos polo BNG

Ante esta situación, o BNG considera "imprescindible unha resposta conxunta dos concellos afectados". Por iso, propón os seguintes acordos:

  1. Esixir ao Ministerio de Transportes, Renfe e demais administracións competentes a revisión dos horarios e frecuencias para garantir un servizo útil para a poboación local.
  2. Instar ao equipo de goberno de Viana do Bolo a contactar cos concellos da área de influencia da estación da Gudiña – Porta de Galiza para que se unan a esta reclamación.
  3. Trasladar este acordo aos concellos implicados (Valdeorras, Viana e Monterrei), á Xunta de Galiza, ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, a Renfe, así como aos medios de comunicación, entidades sociais e plataformas veciñais.
  4. Comprometerse a informar periodicamente á veciñanza sobre as xestións e avances logrados nesta reclamación.

A moción subliña a importancia da estación da Gudiña – Porta de Galiza como unha infraestrutura clave para a mobilidade nun contexto de despoboamento, e a perda de frecuencias e horarios adaptados supón "un retroceso na vertebración do territorio".

O BNG de Viana do Bolo defende un servizo ferroviario útil na Gudiña e esixe a revisión...