domingo. 13.10.2024
Secundino Fernández Fernández.
Secundino Fernández, voceiro do grupo municipal do BNG en Viana do Bolo.

O Bloque Nacionalista Galego de Viana do Bolo vén de presentar unha moción para que se debata e aprobe no pleno municipal a construción dun paseo peonil ó carón do encoro do Bao que percorra dende a vila ata a ponte de Bembribre, nas Telleiras. Un escrito no que solicita que o Concello de Viana do Bolo se encargue da elaboración do proxecto para, posteriormente, realizar a construción coa colaboración das administracións implicadas, Xunta de Galicia e Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

Non é a primeira vez que dende o BNG vianés se fala da senda peonil á beira do encoro do Bao, é unha reclamación da veciñanza que os nacionalistas comparten. "Unha das eivas que ten o noso centro urbano é a falta dunha zona de paseo para andar e facer deporte. É moi necesaria ista zona de esparexamento para poder pasear tranquilamente nun entorno privilexiado e cunhas vistas tan espectaculares", sinala Secundino Fernández, voceiro do BNG vianés.

Outro dos motivos que impulsan ó BNG a insistir na costrución do paseo é o fomento do turismo no municipio, dotando a zona de infraestruturas e servizos que atraian visitantes. "É unha zona de alto valor paisaxístico que sería moi indicada para instalar un paseo, tanto pola súa orografía como pola proximidade á capitalidade municipal", sinalan dende o BNG e continúan: "Un bo lugar para que as persoas que nos visitan teñan unha zona dende onde gozar e admirar a beleza natural da contorna de Viana".

A zona proposta para a creación da senda está ó carón da estrada OU 530 e do encoro do Bao, uns terreos con titularidade da Xunta de Galicia e da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, respectivamente. Son as administracións púbicas as responsables distes terreos, polo que o BNG considera que o proxecto poderiase realizar dende o Concello de Viana coa colaboración das administracións involucradas.

O BNG vianés leva ao pleno municipal a construción da senda peonil á beira do Bao