lunes. 14.10.2024
20240211 festa androlla viana cartel52
Este ano celébrase a 52ª edición da Festa da Androlla.

En Viana do Bolo andan a voltas co prezo do prato na Festa da Androlla. O pleno municipal vén de aprobar un incremento do 50% para a entrada ao xantar, que se celebrará o vindeiro 11 de febreiro no pavillón municipal. A suba significa que o prato custará 30€ por comensal. 

A decisión tomábase no pasado pleno tras o acordo entre o Partido Popular de Andrés Montesinos e o PSdeG-PSOE de Viana, mentras o grupo municipal do BNG opoñíase á "suba desproporcionada". Xustifican o incremento do prezo nos custes que supón para as arcas municipais a celebración da Festa da Androlla. Este ano, o menú foi adxudicado por 83.610€.

Non podemos converter a festa de exaltación do noso manxar mais exquisito e representativo nunha festa prohibitiva para as familias vianesas

Durante o pleno, o BNG facía unha proposta ben diferente: baixar o custe reformulando o menú. Queren os nacionalistas darlle "o protagonismo absoluto ao manxar que se enxalza, a androlla, e reducir custes quitando o cordeiro do menú". Pero a proposta foi desbotada tras o acordo entre PP e PSOE.

Unha suba do 50%

Na pasada edición, os comensais tiveron que pagar 20€ para o xantar da Festa da Androlla. Este ano serán 30€. Unha decisión que non gusta aos nacionalistas. "Non podemos converter a festa de exaltación do noso manxar mais exquisito e representativo nunha festa prohibitiva para as familias vianesas", afirman dende o BNG. 

O acordo chega logo da petición realizada polo PSdeG_PSOE de Viana a mediados de xaneiro para actuar sobre o prezo das entradas. Daquela, os socialistas propuñan negociar coa empresa o prezo do menú para coñecer o custe real e repercutilo no prezo da entrada; proposta que buscaba que o Concello "non teña que subvencionar parte da entrada, xa que entendemos que cada persoa debe sufragar o coste total do seu xantar”, afirmaban dende o grupo socialista.

Dúas opcións diferentes de afrontar o constante incremento da partida que as arcas municipais destina á organización da Festa da Androlla. Por unha banda, subir o prezo da entrada; pola outra, reducir os custes de organización e rebaixar o prezo do prato.

A entrada da Festa da Androlla sube ata os 30 euros