A Xunta entregou os galardóns das Catas de Galicia

Vía Arxéntea segundo mellor viño branco galego elaborado en madeira | NOTICIAS VERÍN

Entrega dos galardóns das Catas de Galicia presidida por Alfonso Rueda.

Denominación de Orixe Monterrei volveu situarse entre as protagonistas das Catas de Galicia 2026, certame organizado pola Xunta de Galicia, ao conseguir un total de seis galardóns en diferentes categorías e un destacado Acio de Prata para Vía Arxéntea Barrica 2024, recoñecido como o segundo mellor viño branco galego elaborado en madeira

O premio na categoría de Viños de Elaboracións con Madeira foi para Vía Arxéntea Barrica 2024, da adega Bodegas Vía Arxéntea, SL, que obtivo o Acio de Prata Branco, só por detrás do viño gañador desta categoría. 

Os produtores galardoados na categoría de viños brancos de elaboracións con madeira reciben os seus correspondentes Acios nas Catas de Galicia 2026.

Ademais deste recoñecemento, a D.O. Monterrei sumou outros cinco premios nas categorías principais. Alma de Autor, de Adegas Pazo das Tapias, conseguiu o Acio de Ouro BrancoMarova, de Rectoral del Monaguillo, foi Acio de Prata Branco; e 3 Mentiras, de Terra de Godello, obtivo o Acio de Bronce Branco. Nos tintos, Quinta das Tapias, de Adega Tapias Mariñán, acadou o Acio de Ouro, mentres que Fanrela, de Manuel Vázquez Losada, recibiu o Acio de Prata e Pazo Mariñán, tamén de Adega Tapias Mariñán, foi distinguido co Acio de Bronce

A delegación de adegueiros e viticultores galardoados na categoría de viños brancos da D.O. Monterrei.

Durante o acto de entrega dos premios, o presidente da Xunta de GaliciaAlfonso Rueda, destacou que o sector vitivinícola é un exemplo representativo da Galicia Calidade e unha peza esencial para manter un rural vivo e produtivo. Tamén participou a conselleira do Medio RuralMaría José Gómez.

Nesta edición das Catas de Galicia presentáronse 462 mostras correspondentes a 152 empresas, maioritariamente adegas, e máis de medio cento de expertos participaron nas precatas e nas catas finais, nas que un panel de 12 profesionais foi o encargado de decidir os premios.

Os representantes das adegas premiadas na categoría de viños tintos da D.O. Monterrei posan orgullosos cos seus diplomas e figuras de Acio no escenario de Lugo.

Na súa intervención, Alfonso Rueda recoñeceu o traballo das empresas participantes e subliñou que estes produtos representan un importante valor económico, reforzan a imaxe exterior de Galicia, favorecen o turismo e contribúen á fixación de poboación no rural. Ademais, lembrou o compromiso da Xunta cun sector ao que este ano destina máis de 12 millóns de euros en axudas para a elaboración e promoción de produtos vitivinícolas, a modernización dos viñedos, o apoio ás denominacións de orixe e distintas iniciativas de dinamización enoturística.