a marcha arrincará ao mediodía dende o Instituto Taboada Chivite e rematará na Praza Maior

As mulleres galegas recoñecerán o tesón das da comarca berrando este domingo polas rúas de Verín

A manifestación unitaria do 8M deste 2020 celebrarase en Verín o domingo, 1 de marzo.

Este domingo, 1 de marzo, o feminismo galego ten unha cita en Verín, que acollerá a manifestación nacional previa ao 8M.  A marcha sairá ás 12:00 horas dende o IES Xesús Taboada Chivite, rematando na Praza Maior, na que se lerá un manifesto feito colectivamente pola plataforma Galegas 8M.

Cada ano, ás portas das numerosas manifestacións do feminismo galego que se desenvolven o 8 de marzo -Día Internacional da Muller- celébrase unha manifestación previa e única nun punto concreto de Galicia, e este ano, as Galegas 8M escolleron Verín. Durante os últimos meses a veciñanza mobilizouse para que non se pechara o paridoiro nin as urxencias pediátricas do Hospital de Verín, e a loita das veciñas e veciños da comarca -que obtivo os seus froitos- foi replicada en toda Galicia en prol da defensa da sanidade pública e dos dereitos das mulleres, o que fixo que a plataforma unitaria Galegas 8M, que convocan a manifestación, escolleran Verín como a sede da deste ano.

A marcha comezará ás 12:00 horas dende o IES Xesús Taboada Chivite -na Avenida de Portugal- e rematará na Praza Maior, onde se lerá un manifesto, elaborado por todas as mulleres integrantes de Galegas 8M. Cristina Huete -xornalista-, Susana Bueriberi -verinesa adicada ós coidados e que participou activamente na defensa do paritorio-, Daniela Ferrández -activista trans e feminista- e Rosana Méndez -enfermeira do Hospital de Verín- serán as encargadas de darlle voz ó manifesto. Ademais, haberá actuacións musicais, un xantar colectivo e unha foliada.

"Sen coidados non hai vida. Mudando o sistema, derrubando o patriarcado" é o lema da manifestación, que fai fincapé no traballo "invisible" dos coidados, realizados de forma maioritaria por mulleres. Así, a manifestación en Verín servirá como previa ás mobilizacións que se están a convocar en todas as cidades e vilas galegas para o vindeiro 8 de marzo.