Un comerciante local pon en marcha unha agresiva campaña de fomento do comercio na vila

Velaí todo o que non fai Jeff Bezos, o dono de Amazon, en Verín

Esta pancarta pódese ver na avenida de Portugal, intersección coa rúa Montemaior.

Un par de empresarios da vila están detrás dunha exemplificante campaña de fomento do consumo no comercio local. Nela explican todo o que o dono de Amazon -o que de seguro máis vende na vila-, non fai en Verín. 

Un comerciante da vila, seguro que farto de comprobar como a súa recadación cada vez se reduce máis por conta do comercio electrónico e, sobre todo, pola omnipresencia de Amazon, vén de iniciar unha novidosa e impactante campaña publicitaria que se pode ver nas portas dalgún establecemento e mesmo nas varandas que protexen aos transeúntes da avenida de Portugal á altura da rúa Montemaior

Con frases tan reveladoras como "Jeff Bezos non vive en Verín", "Jeff Bezos non merca tornillos en Verín" ou "Jeff Bezos non paga o imposto de circulación en Verín", os responsables da campaña -os propietarios da librería AZ, que contaron coa colaboración de Arte Dixital para a elaboración da pancarta- pretenden concienciar aos residentes da vila, municipio e concellos limítrofes da importancia de apoiar ao comercio local cunha lapidaria máxima: "Se o tes en Verín, mercao en Verín".