
Verín e Monterrei, ao igual que outros 13 concellos da provincia, integran dende esta mesma mañá a constituída rede provincial de municipios termais, un órgano que nace, co apoio da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, para manter un diálogo fluído e participativo daqueles territorios que forman parte da provincia e que teñen algunha singularidade termal, algúns deles inscritos na Sección de Vilas Termais da FEMP (Federación Española de Municipios y Provincias), ao ser Ourense a provincia de España con maior número de concellos recoñecidos como vilas termais.
Na reunión constitutiva participaron os alcaldes dos 15 municipios que integran a Rede (Arnoia, Bande, Boborás, Baños de Molgas, Cortegada, Cenlle, Castrelo de Miño, Carballiño, Leiro, Lobios, Monterrei, Muíños Ourense, Ribadavia e Verín), a deputada provincial de Termalismo, Ana Villarino; o redactor do Plan Termal Provincial, Mario Crecente; e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, quen expuxo as liñas básicas do Proxecto de Lei de Usos Lúdicos das Augas Termais.
A Rede é un órgano que permitirá que desde a Deputación de Ourense se manteña “un contacto directo cos concellos termais, no que se falarán de propostas nese ámbito, que servirá tamén de apoio aos concellos para temas como infraestruturas termais, difusión do turismo termal e, todo elo, con vistas ao 2020, no que se producirá a entrada da Alta Velocidade en Ourense”, salientou Manuel Baltar.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, acompañou ao presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, no acto de constitución da rede provincial de concellos termais, que, segundo Conde, permitirá afianzar a alianza e a colaboración institucional entre a Xunta, a Deputación de Ourense e os propios concellos para garantir a estabilidade destes asentamentos dentro da provincia e seguir, así, impulsando o potencial económico e turístico destas augas. Durante o acto, Conde informou aos asistentes do proxecto de lei de aproveitamento lúdico de augas termais aprobado polo Consello da Xunta o pasado 1 de agosto. Esta lei constitúe unha iniciativa pioneira en España, e reforzará o potencial turístico e patrimonial destes concellos.
Tal e como trasladou Conde aos asistentes, a lei inclúe velar por manter a seguridade e a hixiene dos aproveitamentos turísticos das augas termais; garantir a sustentabilidade medioambiental dos asentamentos cunha explotación racional dos seus recursos; a protección da integridade como recurso natural dos mesmos; e promocionar o desenvolvemento económico e social dos concellos que posúan redes termais. Esta normativa céntrase expresamente no emprego lúdico das augas termais, complementando a normativa vixente sobre a súa práctica terapéutica. A este respecto, diferencia entre balnearios (co emprego medicinal) e espazos termais (centrados no turismo).