O Servizo Galego de Saúde oferta 21 prazas en Ourense, tres delas na comarca de Monterrei, para médicas e médicos de Atención Primaria. As aspirantes deberán estar en posesión do título oficial de médico/a especialista en medicina familiar e comunitaria ou da certificación habilitadora prevista no artigo 3 do Real Decreto 853/1993, do 4 de xuño, sobre exercicio das funcións de médico de medicina xeral no Sistema Nacional de Saúde.
Para a comarca de Monterrei, a oferta pública, que intentará paliar "o moi grave déficit de profesionais de medicina de familia", segundo o SERGAS, as prazas convocadas son para os centros de saúde do Laza, Verín e Monterrei - Verín, isto é, un facultivo que terá mobilidade entre os dous municipios segundo as necesidades puntuais en cada caso.
Os titulados sanitarios que acaben obtendo praza tamén terán asignadas gardas médicas no PAC (Punto de atención continuada) de Verín e na Zona Especial de Garda A Gudiña - A Mezquita, é dicir, que no seu compromiso laboral figurará ter que prestar asistencia sanitaria no PAC da Gudiña cando así se fixe dende a Dirección de Recursos Humanos da Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.
O anuncio prodúcese este 27 de abril, data na que estaba prevista a terceira xornada de folga do persoal sanitario no distrito de Ourense.
É a primeira convocatoria desta categoría, subliña o SERGAS nun comunicado difundido este mércores, "para acceder á condición de persoal fixo, trala súa creación o pasado mes de decembro como medida extraordinaria e urxente da Xunta de Galicia tendo en conta que, co persoal que se xubilará nos próximos cinco anos e as vacantes sen cubrir actualmente, a remuda xeracional non está garantida, sendo insuficiente o persoal en formación de medicina familiar e comunitaria do próximo ano e dos catro seguintes".
O anuncio prodúcese este 27 de abril, data na que estaba prevista a terceira xornada de folga do persoal sanitario no distrito de Ourense e que foi suspendida onte. Unha das reivindicacións das traballadoras e traballadores tiña que ver precisamente coa falta de médicas e médicos en Primaria, sobre a que ademais viñan lanzado a alerta da ameaza das futuras xubilacións.
"Ourense é a provincia co maior número de Centros de Saúde e PACs de Galicia, mais dun centenar, 14 PACs e dúas Zonas Especiais de Garda [unha na Gudiña-Mezquita e a outra na Veiga-O Bolo] e deles 70 consultorios cun único médico", informa este mércores o SERGAS, "ademais de contar co maior número de concellos recoñecidos con condición de illamento, 19 fronte aos 3 de Santiago ou 6 de Vigo, o que, xunto coa orografía e deficientes comunicacións dificulta a cobertura de persoal".
A oferta pública intentará paliar o moi grave déficit de profesionais de medicina de familia, segundo o SERGAS
Por comarcas, a convocatoria de novas prazas nos servizos de Atención Primaria de Ourense, ofértanse cinco prazas na Ponte, A Carballeira, A Cuña - Mariñamansa, Novoa Santos - Couto, desde as que se dará cobertura, alternativamente, aos centros de Piñor, San Cibrao de Viñas, San Amaro e Cenlle, así como realizando gardas, en función de cada praza, nos PAC de Ourense, Carballiño, Coles e Ribadavia.
O Servizo de Atención Primaria de Valdeorras oferta 3 prazas vinculadas a este mesmo PAC. E no mesmo distrito unha no Centro de Saúde e PAC de Viana do Bolo.
En Celanova ofértase unha neste centro de saúde e PAC. Unha tamén no PAC de Ribadavia con consultas nos centros de saúde de Leiro e Beade. Dous en Carballiño, atendendo Beariz e Punxín e gardas nos PAC de Ribadavia e Carballiño. Unha no PAC Bande e cobertura Bande - Lobeira. Tres con consultas no PAC de Xinzo de Limia e nos centros de Xinzo - Trasmiras, Os Blancos - Calvos de Randín e Sandiás - Vilar de Santos. Por último unha con gardas no PAC de Castro Caldelas e consultas en Castro Caldelas - Parada do Sil.