O sindicato AXG - CUT solicita a realización de probas PCR a todos os funcionarios das instalacións verinenses

Suspenden todas as dilixencias sinaladas nos xulgados de Verín pola confirmación de tres positivos

Edificio dos xulgados de Verín, na rúa Irmáns Moreno. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Todas as dilixencias sinaladas para este xoves foron esta mañá suspendidas logo de se confirmar un gromo nos xulgados da vila de Verín. O sindicato AXG - CUT solicita a inmediata realización de probas PCR a todo o seu persoal

Dous funcionarios e unha procuradora son, arestora, os positivos detectados nos xulgados de Verín e que motivaron que esta mesma mañá se suspendesen todas as dilixencias sinaladas para este xoves. Ademais, segundo aseguran fontes da formación sindical AXG - CUT, "están tamén un traballador máis que presenta síntomas e un quinto que está en illamento por ser contacto estreito con dous positivos", din no comunicado remitido solicitando a "inmediata" intervención das autoridades sanitarias para, entre outras medidas, "ampliar a proba PCR a todos os traballadores dos xulgados de Verín e pór en corentena a todos eles ata que non se coñezan os resultados das probas". 

Segundo critican dende Alternativas na Xustiza, "a Xunta de Galicia, nun acto de absoluto desprezo e ignominia para cas traballadoras, maxistrado e letrado, ignorou a este persoal, deixando que a Covid - 19 se apoderase dos xulgados de Verín", máxime cando "o pasado día 7 de xaneiro, dende AXG - CUT se lle solicitou á Dirección Xeral de Xustiza, por carta, a realización das probas PCR de detección ás traballadoras dos xulgados verinenses, aproveitando que o Sergas estaba facendo un cribado masivo neses días a todos os cidadáns dada a alta incidencia de casos na vila e comarca", apuntan. 

Solicitan tamén que, ademais de levar a cabo un completa desinfección dos dous xulgados, "se dispoña persoal suficiente para cubrir as baixas dos positivos e evitar que os cidadáns de Verín non se vexan afectados pola falta de prevención da Xunta de Galicia", rematan.