Xoves. 30.06.2022
A Casa da Xuventude acollerá unha aula de formación permanente

Os Servizos Sociais de Verín mudarán de sede e estableceranse na vella Casa da Música

O Concello de Verín comezará nunhas semanas o acondicionamento da vella Casa da Música para albergar alí as dependencias de Servizos Sociais, que arestora ocupan a Casa da Xuventude. Estas instalacións destinaranse a unha aula de formación permanente en varios ámbitos da tecnoloxía e o coñecemento.

 

casadamusica
A vella casa da música ten nos seus baixos as oficinas da Agrupación de Protección Civil de Verín.

Sen aínda recoller de novo o bastón de mando da Corporación municipal, o actual grupo de Goberno -en funcións- comeza a tomar xa algunhas das decisións que propiciarán cambios tanto na estrutura organizativa do Concello como no aspecto físico da vila. Gerardo Seoane, o rexedor, confirmou que nuns días comezarán as obras de acondicionamento da Casa da Música, na rúa José María Pereda, para acoller alí todas as oficinas e departamentos dos Servicios Sociais, baleirar a Casa da Xuventude e adicala "ao seu verdadeiro propósito", di Seoane.

O obxectivo non é outro que dispor da anterior instalación, que no seu día albergou o Conservatorio, e convertir as dependencias contiguas á Biblioteca Municipal nunha aula de formación permanente. O bipartito pretende asinar un convenio coa Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) que posibilite estudar algunha das súas titulacións na vila e, ademais, por en marcha de xeito indefinido un centro de informática que abranga, dende o nivel máis elemental para aqueles cidadáns que so requeriran coñecementos de nivel básico, como estudos máis especializados e de aplicación nos diferentes sectores produtivos existentes no Concello e na comarca.

Serán as primeiras iniciativas, aínda que dende o grupo do Goberno non descartan ir implantando de xeito paulatino novas ofertas formativas de carácter permanente relacionadas coa sociedade de coñecemento na Casa da Xuventude, onde tamén está en proxecto habilitar unha zona de "coworking" para aqueles emprendedores tecnolóxicos que só precisen de oficina e conexión a Internet para iniciar os seus proxectos empresariais.

Por en marcha este centro de formación permanente será, como así ten asegurou o rexedor, Gerardo Seoane durante a campaña, unha das "prioridades deste Executivo. Poida que nós non poidamos competir en prezo de solo industrial co veciño Portugal, para atraer ata aquí as industrias que están recalando nesa terra. Pero si podemos ofrecerlle aos profesionais cualificados que precisarán para o exercicio das actividades que alí se implanten", apuntou.

Os Servizos Sociais de Verín mudarán de sede e estableceranse na vella Casa da Música
comentarios