martes. 07.07.2026
Iniciativas parlamentarias sobre servizos sanitarios

O PSdeG levará ao Parlamento o “deterioro asistencial” do hospital comarcal | NOTICIAS VERÍN

A Deputada Autonómica por Ourense, Carmen Rodríguez Dacosta
A Deputada Autonómica por Ourense, Carmen Rodríguez Dacosta

PSdeG-PSOE de Ourense rexistrou no Parlamento de Galicia unha serie de iniciativas para denunciar o “preocupante deterioro asistencial” do Hospital Comarcal de Verín, con especial atención á hospitalización a domicilio (HADO) e á atención de cardioloxía na comarca de Monterrei.

A deputada autonómica por Ourense, Carmen Rodríguez Dacosta, presentou unha proposición non de lei e varias preguntas parlamentarias co obxectivo de instar á Xunta de Galicia a adoptar medidas urxentes que garantan o reforzo e a continuidade destes servizos sanitarios.

As iniciativas baséanse nas denuncias trasladadas pola comisión delegada do propio hospital e por profesionais sanitarios, que alertan dun deterioro progresivo da asistencia, con perda de capacidade, sobrecarga de persoal e un aumento das derivacións ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO).

No caso da hospitalización a domicilio e os coidados paliativos, denúnciase que o modelo actual quedou reducido a unha atención limitada, cunha consulta semanal de enfermaría para arredor de vinte pacientes, segundo trasladan os profesionais.

En relación coa cardioloxía, o PSdeG advirte da falta dunha atención accesible na comarca, o que obriga a moitas persoas doentes, especialmente maiores, a desprazamentos de máis dunha hora ata a cidade de Ourense para probas e revisións.

A formación socialista enmarca esta situación nun contexto de dispersión poboacional, envellecemento e distancia aos centros hospitalarios, e considera inaceptable calquera redución de servizos esenciais na área sanitaria de Monterrei.

As iniciativas rexistradas solicitan á Xunta que detalle a situación actual destes servizos, estableza un calendario de recuperación e adopte medidas para garantir a súa continuidade, así como o reforzo da atención paliativa e unha atención cardiolóxica máis próxima.

Rodríguez Dacosta reclamou finalmente que a Xunta actúe con urxencia para evitar a perda de servizos sanitarios na área de Verín e garantir unha atención axeitada á poboación.

O PSdeG levará ao Parlamento o “deterioro asistencial” do hospital comarcal | NOTICIAS...