A sesión plenaria deste venres ratificou na súa integridade a moción presentada polo BNG

O pleno da Deputación de Ourense pídelle ao Sergas, por unanimidade, que arquive o expediente aberto a doutor Castrillo

Pleno ordinario correspondente ó mes de novembro de 2020 que se fai telematicamente polas medidas Covid que a día de hoxe están en vigor. Asisten Manuel Baltar (Presidente Deputación); Rosendo Fernández (VicePresidente 1º); Armando Ojea Bouzo (VicePresidente 2º); Plácido Álvarez Dobaño (VicePresidente 3º); Jorge Pumar (Deputado PPOU); Luz Doporto Real (Deputado PPOU); Álvaro José Fernández López (Deputado PPOU); Consuelo Vispo Seara (Deputada PPOU); Patricia Torres Madureira (Deputada PPOU); César Fernández Gil (Deputado PPOU); Pablo Pérez Pérez (Deputado PPOU); Ana María Villarino Pardo (Deputada PPOU); Miguel Antonio Cid Álvarez (Deputado PPOU); Rafael Rodríguez Villarino (Deputado PSOE); José Ignacio Gómez Pérez (Deputado PSOE); Elvira Lama Fernández (Deputada PSOE); Diego Fernández Nogueira (Deputado PSOE); Susana Rodríguez Estévez (Deputada PSOE); Rosario Rodríguez Delgado (Deputada PSOE); Margarita Pérez Fernández (Deputada PSOE); Álvaro Vila Araujo (Deputado PSOE); Aurentino Alonso Araujo (Deputado PSOE); Montserrat Lama Novoa (Deputada CS); José Miguel Caride Domínguez; Bernardo Varela López (Deputado BNG), Mónica Legaspi (Interventora Deputación Ourense) e Juan Marquina (Secretario Deputación Ourense).

Foi o BNG o que presentou, de urxencia, unha moción en apoio do xefe do Servizo de Xinecoloxía do hospital verinense, Francisco Javier Castrillo. O pleno da Deputación deste venres aprobou, por unanimidade, solicitar ao Sergas o arquivo inmediato do expediente aberto ao doutor palentino. 

A moción de urxencia presentada polo BNG na Deputación provincial de Ourense, logo de coñecerse o anuncio de que a xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras viña de incoar un expediente contra o xefe de xinecoloxía do hospital de Verín -co que se pretende a súa inhabilitación ata un máximo de dous anos-, recibiu este mediodía o apoio unánime de todas as forzas políticas representadas no ente provincial. Nela, ademais de respaldar expresamente a carreira do doutor Castrillo Gutiérrez, aprobouse instar á Xunta de Galicia e ao Sergas o arquivo inmediato do expediente aberto ao galeno palentino.  

Bernardo Varela, o voceiros dos nacionalistas, xustificaba a presentación da moción pola "clara intencionalidade deste expediente, que semella unha vendetta política contra este profesional que manifestou publicamente a súa disconformidade coa política do peche da sala de partos do hospital de Verín fai agora xustamente un ano". 

Na defensa da proposta nacionalista tamén se pronunciou a deputada socialista e segunda tenente de alcalde de Verín, Rosario Rodríguez, quen dixo do doutor Castrillo Gutiérrez ser "un profesional cunha carreira intachable, comprometido coa defensa da sanidade pública e moi querido por toda a comarca e por tantas e tantas mulleres que ao longo dos 25 anos do exercicio da súa profesión coidou".

O pleno da Deputación xa se viu obrigado a tomar partido durante o desenvolvemento deste conflicto, e a presión social favoreceu que esta institución se manifestase en favor dos intereses veciñais, contradecindo o posicionamento da xerencia e do conselleiro de Sanidade por aquel entón, Jesús Vázquez Almuiña.