jueves. 25.04.2024
Perfecto Feijóo, xerente do Helvético. | FOTO: Iván Iglesias
Perfecto Feijóo, xerente do Helvético. | FOTO: Iván Iglesias

'Cámbiovos a miña vida pola vosa', díxonos nada máis comezar a falar nunha das mesas do histórico bar Helvético de Verín. Aos seus 83 anos, Perfecto Feijóo, o propietario, aínda ten moitas ganas de vivir e un claro desexo -infactible- por retornar no tempo e comezar a súa historia de novo.

Tal e como o demostra, despois de corenta anos, inamovible detrás da barra do seu bar. Quizais incansable ou quizais melancólico, no lugar que compartía a diario coa súa recordada esposa, Carme Zarraquiños"Esta é a miña casa, a miña vida... Que outra cousa podería facer?", pregunta. "Aínda atendo o bar. Non vos atendín a vós tamén? Non fallo nin un só día", engade.

Aí están as raíces -con permiso da Caridade, a súa aldea natal- dun home que pasou case 20 anos emigrado en Suiza. Alí, previo paso por algúns traballos bastante máis sacrificados, exerceu de xastre deixando os seus mellores anos entre tesoiras e a simpatía que aínda hoxe o caracteriza.

Perfecto e Carmen en Suiza nos anos 70.

Perfecto e Carmen en Suiza nos anos 70.

"Cando cheguei a Suiza no 1963 non entendía nada, empezar é difícil. Comecei traballando no campo ata que me dediquei á xastrería. Xa ía aprendido de casa porque con arredor de 15 anos, a miña nai comproume o meu primeiro traxe e dixen: neste traballo non se pasa frío, nin se molla un, nin se pasa calor... é un traballo moi bo. Así que decidin aprender e fun moi afortunado porque me ensinaran varios profesionais de Vilaza, de Verín e de Cualedro", conta Perfecto.

A 'mili'

Uns anos máis tarde de comezar a mergullarse entre fíos e teas, xa con 21, realizou o servizo militar con destino no Sáhara. "Eu tiven sorte e paseino ben. Na mili non se pode ser nin moi fino, porque logo che baixan os fumes, nin moi tonto, porque logo te espabilan", conta, rindo. "Había que ver, oir, calar e entender", engade. 

Perfecto Feijóo no servizo militar no Sáhara.Perfecto Feijóo no servizo militar no Sáhara.

Ao remate da 'mili', un ano despois, foi cando comezou a etapa da súa vida que máis o marcou. Emigraría a Suiza, casaría con Carme e xuntos, recibirían á súa primeira e única filla. "Cando volvin de África vin que todo o mundo emigraba a Alemaña, Suiza, Francia... Apunteime eu tamén en Ourense e foi cando me marchei", recorda. "Dez anos despois chegou Olga ás nosas vidas e, cando tiña idade de comezar o colexio, decidimos volver. Se non vés neses momentos, non volves ata a morte", engade.

A volta

Foi entón que regresou a Verín traendo consigo á súa familia e un gran recordo que inmortalizou no seu 'novo' negocio, o bar Helvético -nome que fai referencia a Helvecia, antigo nome de Suiza-. "Abrin o bar no 1982 pero o edificio xa o comprara arredor dos anos 70. Meses máis tarde, tamén abrimos o hostal", conta, no lugar onde durante moitos anos recibiu a viaxeiros que aínda non tiñan billete de volta.

Perfecto coa súa muller, Carme; a súa filla, Olga e uns amigos.Perfecto coa súa muller, Carme; a súa filla, Olga e uns amigos, ás portas do Helvético.

Agora, entre as mesmas catro paredes de entón, máis tranquilo ca nunca, segue rexentando o seu negocio coa axuda da súa filla Olga e dos seus dous netos. Aínda que, como toda a hostalería, se viu afectado pola pandemia, parece que o Helvético correrá coa mesma sorte que a historia da emigración do seu dono, que rematou cun final moi feliz.

Perfecto Feijóo, detrás da barra aos 83 anos: "Este negocio é a miña casa, a miña vida....