A Revolta Irmandiña impulsa a Liga de OCR Aurum Terrae
Ourense contará neste 2026 cun proxecto deportivo pioneiro que nace para dar estrutura e fortalecer as carreiras de obstáculos no territorio. A Aurum Terrae Liga OCR Deputación de Ourense foi presentada esta mañá nun acto que reuniu a representantes da Deputación, a Xunta de Galicia e os responsables das tres probas que integran este novo circuíto común: a Cavernícola Race de Barbadás, a Revolta Irmandiña de Verín-Monterrei e a Uros Race de Toén.
A iniciativa busca conectar estas competicións xa consolidadas nun marco compartido que prevé superar os 1.500 atletas participantes. O calendario oficial arrancará o 9 de maio en Barbadás, continuará o 14 de xuño na Revolta Irmandiña e pecharase o 13 de setembro en Toén. Para formar parte da clasificación xeral desta liga, que será de inscrición gratuíta, os deportistas deberán inscribirse individualmente en cada unha das tres citas e marcar a opción específica habilitada para a competición conxunta.
Máis alá do puramente competitivo, a Aurum Terrae nace con vocación de motor turístico e de lecer. Os premiosestarán vinculados a experiencias de benestar, deporte e gastronomía no propio territorio ourensán, co obxectivo de fomentar o retorno económico e que os participantes e acompañantes descubran os recursos naturais e patrimoniaisde cada zona. A organización destaca que o formato OCR é unha práctica social accesible, que permite integrar a actividade física na natureza como un plan atractivo para todo tipo de públicos.