lunes. 06.05.2024

En Abril do ano 1993, fíxenme cargo da dirección do “Coral de Verín”, que levaba nove meses sen director. O primeiro reto que propuxen foi ensaiar para un posible concerto. Ó pouco de estar con eles xurdiu a necesidade de cantar nun par de ocasións en celebracións relixiosas. Ó mesmo tempo que preparabamos un repertorio de música popular.

Cando chegou a altura de novembro, decidimos facer un concerto coas tres cantigas populares que xa estaban preparadas e desa maneira dabámoslle a coñecer a xente de Verín o noso facer para buscar máis voces que quixeran incorporarse. E así foi. Preparamos o “I concerto de Santa Cecilia”, cunha conferencia titulada: “Cecilia, la doble corona de la inocencia”, e coas tres cantigas que tiñamos no repertorio. A actuación foi un luns, o mesmo día da patroa, no salón de actos do antigo colexio dos Irmáns da Salle.

Era a primeira vez que en Verín festexábase a patroa da música nun acto público e aberto para toda a veciñanza. Fora unha pequena novidade na vila e o inicio dun acontecemento que no día de hoxe inda segue vivo.

Ó seguinte ano, xa tíñamos repertorio suficiente para encher unha actuación en solitario, e retiramos a conferencia. O terceiro ano estreamos os traxes, e compartimos escenario con tres acordeonistas locais que romperon a monotonía coral.

O seguinte ano, convidamos ó coro do centro de Servicios sociais, que daquela chamábase “Coro da Terceira Idade”, e catro acordeonistas enchían o cartel do “IV concerto de Santa Cecilia”. Foi o último concerto que se celebrou nese salón de actos, porque, nese ano, iniciáronse as obras de remodelación do actual salón de actos da Casa da Cultura e a construción da nova biblioteca.

O ano seguinte cambiamos de escenario e, abusando da xenerosidade dos PP Mercedarios, usamos a fermosa Igrexa da Merced. Aquí uniuse un grupo máis, os “Novicios da Orden”, que aquel ano iniciaban o seu proceso de ingreso na congregación merdedaria na comunidade de Verín, e xa eramos catro grupos que celebrabamos a patroa da música en conxunto. A partir deste ano ó único que fixo o concerto de Santa Cecilia, foi medrar. Ó anoseguinte xuntouse tamén “A banda do Xosé” e unha representación da “Banda de Gaitas” do Concello de Verín. Ese mesmo ano o Concello agasallounos cun ágape fraterno no comedor do mesmo convento a tódolos participantes.

A nosa ambición, a miña como a do Coro, era xuntar a tódolos músicos do val ese día e tocar xuntos para honrar a nosa patroa. A idea calou ben, e para o ano seguinte apareceu unha charanga pequena, “Xente nova” e o coro dos nenos de voces brancas do colexio María Inmaculada.

A experiencia encallou e ó ano seguinte incorporouse o Coro e o Grupo Instrumental do Conservatorio do Concello de Verín, que era o primeiro ano que comezaban os seus ensaios conxuntos. Dous anos seguidos fixemos esta xuntanza arredor do vinte dous de Novembro, festividade de Santa Cecilia. Ó rematar as actuacións o Concello convidábanos nun Restaurante da Vila a unha merenda festiva como agradecemento pola labor feita.

Ó seguinte ano incorporouse o “Coro infantil dos Mercedarios” e o “Coro As Candelas” de Pazos e desapareceu o grupo dos

novicios do convento, porque pola ausencia de vocacións trasladaron o noviciado para outra comunidade. Tres anos máis seguidos, a festa contou incondicionalmente coa “Coral de Verín”, o grupo de acordeonistas “Sons do Mestremiro”, o “Coro da Terceira Idade”, a “Banda do Xosé” de San Lázaro, un grupo pequeno da “Banda de Gaitas” do Concello de Verín, a charanga “Xente nova”, o coro de voces brancas do colexio “María Inmaculada”, o grupo coral “As Candelas” de Pazos, o coro de “voces brancas” do colexio apostólico mercedario, o coro e o grupo instrumental do Conservatorio de Verín. Posiblemente este foi o momento onde se sementou con máis fertilidade a música en Verín. O froito que hoxe recollemos, penso que ten neste momento a súa orixe.

Nesta altura e como anécdota moi curiosa, quero contar que ese ano pedinlle ó alcalde de Verín que nos convidara a unha cea para tódolos participantes, cousa que fixo agradecido ó ver o movemento musical renacido na vila, tantos anos ermo. A semente estaba na terra.

Ó ano seguinte, deixei o meu cargo como Concelleiro de Cultura, e o Coro do Centro Social cambiou de director. A Banda de Gaitas sufriu unha separación interna ata case a desaparición, a Banda do Xosé desfíxose ó mesmo tempo que o coro dos nenos das monxas deixou de ensaiar por enfermidade do seu director. Pero non foron motivos suficientes para deixar de celebrar a nosa patroa. Cedémoslle ó Conservatorio a organización do seguinte concerto de santa Cecilía que se celebrou na igrexa de Santa María a Maior, a Parroquia de Verín, e soamente participamos a Coral de Verín, os acordeonistas, o coro e o grupo instrumental do conservatorio. A partir deste ano comezou a chamarse “Concerto na honra de santa Icía”. Chegou a normativa galega á organización musical.

Dende ese ano colleu as rendas o conservatorio na súa organización e tódolos anos os seus alumnos participan activamente nun concerto múltiple abandeirados polos seus profesores. Ese ano non contaron coa “Coral de Verín”, e nos tivemos unha misa na igrexa da Merced por tódolos membros defuntos do grupo. Fora un acontecemento moi familiar.

Salvo o ano do confinamento, 2020, tódolos anos nesa data hai un recordo musical para testemuñar a nosa característica musical. Os xóvenes músicos xa levan no sangue a necesidade de celebrar algo importante, como é a patroa universal da música, e teñen un motivo máis para prepararse e mostrar as súas dotes diante dun público familiarmente agradecido. Agora soamente é necesario mantelo e coller o froito das árbores que no antano tanto esforzo costou plantar.

Hoxe o Conservatorio, no seu grao profesional, conta con moitos alumnos moi preparados para dignificar a nobre e senlleira personalidade dos músicos, noutra altura considerados desleixos da sociedade.

E dende aquí, animar a todos no cultivo da música, que é a actividade máis sublime, reconfortante e satisfactoria á que se pode dedicar o ser humano.

Viva Santa Cecilia.

OPINIÓN | Trinta anos sementando música