martes. 16.04.2024
Júnior
El joven y aventurero Júnior ya tiene cita para el implante de su microchip. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

A día de hoxe, a identificación canina mediante microchip é obrigatoria en toda Galicia sen excepcións. Non así a do gato, que se fai obrigatoria só no caso de traslado desta mascota a outro país. Aínda así é moi recomendable facelo. Se un gato extraviado chega a unha clínica, a un centro de recollida ou a un albergue de adopción pódese reencontrar cos seus donos en cuestión de horas, ou non volver á súa casa nunca. Esta é a triste realidade de non implantar o microchip de identificación a esta especie.

Albeitar 1

No ámbito urbano é habitual que haxa gatos que non saian nunca á rúa, polo que o risco de perda e extravío presúmese menor. Aínda así, existen despistes que os poden condenar a non retornar nunca ó seu fogar. Unha xanela aberta pola que se escapa ou cae, a porta aberta pola que se cola sen darse conta, un garbeo polas terrazas, unha mudanza ou mesmo unha viaxe nun transportín mal pechado pódense converter nun auténtico pesadelo para un gato e a súa familia. Aínda que as circunstancias de cada gato son diferentes, cando se ve na rúa ceibe entra en pánico, pode chegar a atacar se se ve acurralado, escóndese e pode ser moi difícil atopalo.

Unha xanela aberta pola que se escapa ou cae, a porta aberta pola que se cola sen darse conta, un garbeo polas terrazas, unha mudanza ou mesmo unha viaxe nun transportín mal pechado pódense converter nun auténtico pesadelo para un gato e a súa familia.

Estes gatos na rúa, que veñen dun ambiente protexido, válense mal por si sós, non saben atopar alimento e acaban morrendo ou malvivindo en pésimas condicións. Os gatos sen identificar que teñen a sorte de rematar nunha protectora e entrar nos procesos de adopción tampouco o teñen fácil. Normalmente os potenciais adoptantes prefiren felinos de menos de seis meses temendo que se adoptan un animal adulto a adaptación á nova casa non sexa doada.

Os gatos que habitualmente teñen acceso ó exterior, anque sexa en áreas limitadas, tampouco están exentos de riscos. A pesar de que estes gatos teñan menos posibilidades de perderse, estas existen. Coñezo o caso dun gato que durante unha excursión rutinaria polos seus dominios se meteu nun vehículo e acabou a 200km de distancia da súa casa. Por iso que un gato con microchip será sempre un gato máis protexido e proporcionará tranquilidade.

 Coñezo o caso dun gato que durante unha excursión rutinaria polos seus dominios se meteu nun vehículo e acabou a 200km de distancia da súa casa

A identificación dun gato forma parte da tenza responsable por parte da súa familia, que ese animal ten uns responsables e que se preocupan do seu benestar. Existen outras vantaxes, ademais. Pódense instalar portas gateiras que se abran só cando detectan o chip do gato ou gatos da casa, así evitarase que entren gatos alleos. Existen tamén comedeiros electrónicos que se activan co microchip, especialmente útiles cando hai varios gatos que non teñen a mesma dieta. O microchip é un dispositivo electrónico, como un gran de arroz que se coloca baixo a pel. Para a súa colocación emprégase unha agulla máis grosa que a que se emprega para aplicar unha vacina, por exemplo, polo que pode notar o pinchazo. Non obstante a súa implantación é rápida e non alterará a súa rutina. A maior parte das veces aproveitarase durante a súa esterilización, procedemento que se fai baixo anestesia xeral, para implantar o microchip, polo que se convirte nunha colocación indolora e libre de estrés. Unha vez posto, quedarase aí de por vida.

Albeitar 2

Polo tanto, se a mala fortuna fai que o teu gato se extravíe, levar microchip ou non pódese converter nun susto dunhas horas ou nunha perda de por vida. A pesares de non ser obrigatorio, a implantación do microchip nos nosos gatos faise necesaria e recomendable para proporcionarlle ó noso gato máis posibilidades de retornar coa súa familia se se perde.

OPINIÓN | Unha ducia de razóns para implantarlle un microchip a un gato