martes. 23.07.2024
José Antonio Rodríguez Cabido, entre los Reyes Magos de Oriente.
José Antonio Rodríguez Cabido, entre os Reis Magos de Oriente.

Levamos días en Verín dixerindo unha despedida repentina e inesperada, poida que anunciada, pero nin sabida nin sospeitada e incluso, nin merecida. Unha despedida sinalada para este domingo que vén, día 23, na hora da misa maior na parroquia. E é que, nestes días, a páxina da unidade parroquial nas redes sociais convídanos a "culminar el misterio sacerdotal" de Don José Antonio en Verín.

Péchanlle o redil os que non saben nin como cheiran as ovellas

Despois de cinco ou seis anos, Don José Antonio chegou a esta parroquia a plantar unha viña, a coidala e a conseguir un froito que agora non llo deixan coller nin pode desfrutalo aínda que lle pertence. É un crego dos que cumpre coa idea do Papa Francisco, cando dixo que “quiero que mis sacerdotes huelan a oveja, porque están en medio de ellas”. Curiosamente é todo o contrario. Pola súa condición de bonhomía, acercouse ás ovellas, a todas, as del e as doutros pastores, e como cheira a ovino, péchanlle o redil os que non saben nin como cheiran as ovellas.

Dende a miña condición de cristián, creo nunha igrexa que defende e apoia a xustiza, a caridade, a paz, o perdón e a felicidade de ser crente. E non creo neses membros que dan a man da paz, pero agárrante para que non escapes e na outra man teñen un mazo, e non teñades dúbida que é para usalo, como penso que é neste caso.

A partir de agora, a parroquia de Verín xa non será a mesma porque queda tinguida do odio escondido que hai dentro

Non me doe a despedida, porque don José Antonio é un home libre, que no fondo vivir o evanxeo é para ser libres, pero baixo a condición do voto da obediencia aplícanlle directamente o despido. Acepta humildemente como ser libre. Agora é o momento de que a viña saia na súa defensa e lle devolva todo o que fixo por nós, porque os parroquianos de Verín non temos voto de obediencia a un señor que non nos representa con este tipo de accións, porque retirar a un santo para poñer a outro é unha acción bastante ridícula. Xa digo, non me doe que marche, pero o que si me molesta é como “o marchan”. A partir de agora, a parroquia de Verín xa non será a mesma porque queda tinguida do odio escondido que hai dentro.

Con el tiña algún proxecto a longo prazo, e xa queda todo en folerpas. Traballou arreo para que a igrexa de Verín e comarca tivera vida, celebrara a satisfacción de ser cristián con música, catequeses, alegría, obras e, sobre todo, con caridade. Iso que lle agrada tanto a Deus e poucas veces está dentro dos templos e nos seus representantes.

Dende aquí o meu agradecemento por o tempo que estivo con nós, e gustaríame que a vila de Verín tivera un acercamento ese día da despedida, para demostrarlle o cariño que lle temos, e para manifestar o total desacordo deste sacrificio innecesario que se toma cun gran home e un gran crego. Deséxolle: ¡que non se lle apague o sorriso!

E o que ten o bastón do castigo na man, que saiba que non pode predicar unha palabra de bondade, de caridade e de humildade cunha lingua e obrar á contra coas mans e sobre todo cos feitos. Os que fan así, como me ensinaron de neno, son os fariseos.

Animo a todos a darlle, este domingo, un cálido “ata logo” e que conte co noso calor, ánimo e apoio alá a onde vaia.

OPINIÓN | Unha despedida con arrecendo a sacrificio