lunes. 29.04.2024
O balneario de Cabreiroá.
O balneario de Cabreiroá.

Cabreiroá: zoónimo oixinado en capraria+-ola>caprariola>cabreiroa>cabreiroá, coa reactivación do timbre no -a final, senón o resultado sería “cabreiró”. O sufixo -ola dá como resultado en galego -oa (Ficariola>Figueiroa) pero nos territorios meridionais, igual ca en portugués, houbo unha tendencia a reducir o resultado -oa en -ó (pirariola>Pereiró, Ecclesiola> Grixó). Fronte a esta tendencia á perda da vogal final, en áreas ourensás e do sur de Lugo houbo unha solución contraria a esa redución: para evitar a perda do -a, téndese a facelo tónico.

Fonte do Sapo: topónimo composto dun substantivo común e unha frase preposicional como modificadora. A orixe é latina fonte de illu- sapo (“sapo” é de orixe incerta ou onomatopeica). O filólogo alemán Diez propón unha solución derivada do grego “seps/sepos”, “serpe velenosa”. A DRAE propón que se trata dunha onomatopea do ruído que fai o sapo ao caer na auga. Téñase en conta que a voz grega sapo/sapone- (en versión latina) a través do xermano saipon dá “xabrón”, nada que ver con este animaliño.

Fotenova: ten a orixe en palabras comúns de orixe latina: fonte- + nova-, hoxe “fonte nova”. Téñase en conta o timbre aberto da vogal tónica de “nova”, fronte ao masculino “novo” que a ten fechada. Esta flexión é distinta entre galego e  portugués. O galego opón o masculino pechado ao feminino aberto. O portugués masculino singular pechado oponse a masc. plural e feminino, abertos. Este fenómeno fonético  que afecta a substantivos e adxectivos coñécese co nome de metafonía nominal.

Sousas: Das voces prerromanas *salsa, acqua salsa ‘auga salgada’. En Portugal, a pesar de ser un apelido  moi frecuente, non propoñen unha solución única. Pois a Infopédia de Porto Editora propón a orixe en “villa sócia” e outras aportacións fano no latín “saxu-, “saxa-“, “seixo”, “ pedra”. Estes étimos non explican a solución actual (Sousas) e, polo tanto, non poden terse en conta. A especialista en onomástica galega Ana I. Boullón propón a forma latina salsa como  único étimo para explicar o topónimo Sousa/Sousas.

Caldeliñas: vímolo como núcleo de poboación e co apelido Caldelas.

Caldelas: apelido adoptado do topónimo correspondente. Hai en Galicia moitos “Caldas” e “Caldelas”, e en Verín un “Caldeliñas”, referidos todos eles a lugares de augas quentes. Do latín  calidu- + -ellas > “caldelas”. Caldelas  é un derivado diminutivo de “Caldas” <calidas. Tamén existe en Verín o topónimo Caldeliñas. Os sufixos derivativos aquí  son dous: -ella +  -iñas. Como sabemos relacionado con augas quentes e minerais.

Arcos: topónimo e apelido presupónselle unha dobre orixe. Dunha banda indoeuropea, prelatina, ben como teónimo ou hidrónomo e mesmo antropónimo ou unha base latina arcu- > romance arco. Como teónimo ou antropónimo indoeuropeo procede dunha base arc-, arct,-, /*arckt,. Fose como for, dunha base arc- co significado de “cercas”, “defensas” (mundo agrario)  pasou ás linguas romances coincidindo en forma co “arco” latino.

Na comarca existe o topónimo Arcucelos que se presupón derivado desta forma prelatina. En canto ao apelido encontramos en Galicia 902, repartido por más de 40 concellos e en Verín, 3.

ONOMÁSTICA | Os nomes das cinco fontes de Verín e os apelidos Vitureira e Arcos