sábado. 27.04.2024
O Pozo do Demo, en Verín.
O Pozo do Demo, en Verín.

Caldelas: apelido adoptado do topónimo correspondente. Hai en Galicia moitos “Caldas” e “Caldelas”, e en Verín un “Caldeliñas”, referidos todos eles a lugares de augas quentes. Do latín  calidu- + -ellas > “caldelas”. Caldelas  é un derivado diminutivo de “Caldas” <calidas. Tamén existe en Verín o topónimo Caldeliñas. Os sufixos derivativos aquí  son dous: -ella +  -iñas. Como sabemos relacionado con augas quentes e minerais.

Luís/Lois: Nome e apelido proceden do nome xermánico medieval dun orixinario Hlodwig ou Hlodowig, documentado xa no s. V. (Dic. dos Nomes), “glorioso na batalla”. Non obstante o  anterior, hai quen cre que Lois está relacionado con Eloi e non ten nada que ver con Luís. Hai teorías para todos os gustos. Tanto Luís como Lois funcionan na actualidade como apelidos e como nomes. Hai en Galicia 988 apelidos Luís e 49, en Verín. Cómpre salientar que na comarca de Monterrei se concentran a maioría dos apelidos Luís. Pola contra hai en Galicia 3226 Lois e 7 en Verín. Este apelido está moi espallado por todo o territorio galego.

Os montes que rodean o concello de Verín

Val de Eguas /Valdeguas: os topónimos compostos cun nome xenérico de animal (Fraga dos Corvos, Fraga dos Lobos, Val de Porcos) é frecuente na comarca e  en todo o territorio galego. Procede do latín <valle+de+ equas. Egua, femia do cabalo, mantivo a forma propia do latín clásico, pois caballu designa ao “mulo ou macho”. No galego oral este substantivo convive con “besta”. O feminino de “cabalo” é “besta” ou “egua” ou, ao revés o masculino de “besta” ou “egua” é “cabalo”.

Fraga dos Lobos: En xeral, “fraga” en galego ten dúas acepcións moi diferentes “bosque” e “matogueira” por un lado, e  quebrada fragosa ou penedía,  por  outro. Os dous significados poden ser concorrentes aquí. Deriva do hispano fraga, plural de fragum: “lugar esgrevio”. Lobos deriva do latín lupos. Resulta un topónimo composto dun fitotopónimo e un zootopónimo.

Pozo do Demo: Tamén temos aquí outro topónimo composto de dúas palabras do léxico común: “pozo” do latín puteu e de “demo” do grego daemon.

Monte Maior: Seguimos con topónimos compostos de palabras do léxico común: “monte” do latín monte- e “maior” do latín maiore-.

O Circo: Do latín circu-, co significado de “cerco/círculo”. “Forma de relevo glacial formado por unha depresión semicircular dominada por paredes abruptas” (Dic. Xerais).

San Salvador: Un haxiotopónimo. Non sabemos por que un monte recibe a denominación dun santo, pero as hipóteses para explicar estes casos son moitas: unha advocación por unha capela, unha lenda... Do latín salvatore-, “salvador”.

Ladairo: fitotopónimo derivado de *latanariu, á súa vez variante de lotanariu. O troco de /o/ polo /a/ puido producirse no latín ou nas linguas romances. Atopámolo nos documentos do s. XV: ”dereito ao marco do Ladayro”, “dereito ao monte do Ladayro”. Coñecido hoxe  como “lamigueiro/lamagueiro”,  “chopo branco”, “lodeiro”, en castelán “álamo blanco”, “almez”.

ONOMÁSTICA | Os apelidos Caldelas e Luís/Lois e os topónimos dos montes que rodean Verín