viernes. 19.04.2024
José Luis Carrasco Cruz.
José Luis Carrasco Cruz.

As noticias que máis nos sorprenden non son precisamente as mellores novas, senón as que nos rodean ou están máis cerca de nós, e as que nunca queríamos escoitar.

Cando o agricultor baixa á horta, sempre colle as mellores pezas, non se para no refugallo. O mesmo que o xardineiro fíxase na mellor flor, para facer o máis lindo ramo. Hoxe recibo unha información e quero ignorar que sexa certa, pero a realidade da vida é así, ninguén se despide na última viaxe porque, tamén el, non sabía que era o seu último partido. E por iso, levanto a man e dígolle adeus, ou mellor dito ata sempre amigo. Aínda que non se vai quen nunca parte, porque as persoas somos recordos. Mentres nos acordemos dos que xa non están, viven ó noso lado, e ti seguirás sorrindo aquí, no universo da memoria e na vida dos teus, porque nunca partirás para o mundo do esquecemento.

O que si desaparece, tristemente, é a chispa que tiñas de electricista no medio das nosas xuntanzas, esa imaxinación alegre e viva que nos levaba a sorrir ata o infindo mundo da satisfacción da nosa amizade

Gustábache moito viaxar, e agora todos quedamos orfos coa última viaxe. Vicente, Emilio e Pepiño seguramente que o notarán máis dentro, pero moitos amigos taparemos a túa ausencia cos bos momentos que compartimos ó longo desta curta vida. E digo curta, porque non tiñas anos para marchar, estabas na idade de vivir moito, porque ganas e ilusión non che faltaban ó lado da túa Susi.

Aínda que a música sigue, o acordeón non volverá a soar coas túas mans, esas que movías co interese dun apaixonado pola primeira arte, porque como dicías frecuentemente: “Eu teño o carnet de músico profesional”. Alá, no mundo da memoria, seguramente cantarás cos anxos no seu coro e sobrarache tempo para organizar unha comparsa festiva que lle mostre a todos o cariño que lle tiñas ó noso carnaval.

Verín perde a un electricista, a un empresario, a un insigne veciño, a un alegre camarada, a un músico profesional, pero sobre todo perde a unha boa persoa, onde ó seu lado non había penas nin asperezas

Onde ti estabas, sobraba a alegría e o bo ambiente. Irradiabas entusiasmo e diversión. Eu quédome con "Chelis", o sementador de alegría. E tamén debo dicir, que o Entroido perdeu a un fiel defensor da nosa festa máis tradicional e representativa. Esperemos que Os Felipes non se retiren e che ofrezan tódolos anos esa homenaxe que no nome de todos mereces.

Amigo "Chelis", foi o teu último partido e a túa derradeira viaxe ó mundo da eternidade. O corpo marchará, converterase en po miúdo, pero aquí queda un nome gravado en letras nobres: "Chelis" Carrasco.

Dende aquí quero manifestar o meu máis sentido pesar ás súas Susis, esposa e filla, Rubén e netos, e a tódolos amigos e verineses que realmente desfrutamos da súa presenza nesta vida. Para nós, foi unha sorte estar ó teu lado.

Agora si, ata sempre, Chelis!

OBITUARIO | O último partido de "Chelis" Carrasco