jueves. 25.04.2024
Piscinas descubertas do Concello de Verín.
Piscinas descubertas do Concello de Verín.

O Concello de Verín vén de anunciar o prego de cláusulas administrativas particulares para a explotación do servizo de bar das piscinas municipais de verán e servizos complementarios para o ano 2023. O prazo límite para a entrega da documentación será o día 8 de xuño.

O obxectivo principal desta licitación é garantir a prestación dun servizo complementario de calidade nas piscinas municipais, co fin de satisfacer as necesidades da comunidade local durante a tempada de verán.

As empresas interesadas poden consultar o prego e os anexos na sede electrónica - portal de transparencia da web do Concello de Verín, na de contratación do Estado e na plataforma Silex da Xunta - contratos de Galicia-. A presentación deberá facerse electrónica a través da plataforma da Xunta SILEX (contratos de Galicia).

O obxecto do contrato consiste na explotación do servizo de bar das piscinas municipais descubertas, xunto coa realización dos seguintes servizos complementarios:

a) Mantemento e limpeza diaria das instalacións (baños, dependencias comúns, etc.) e zona exterior (baleirado de papeleiras, etc.) ao rematar cada xornada.

 

b) Servizo diario de limpeza e análise da calidade da auga de baño (control do pH, cloro, etc., conforme á normativa vixente).

 

c) Dispoñibilidade dun traballador de limpeza a xornada completa, cuxo horario será determinado pola Concellaría de Recursos Humanos.

 

d) Pago dun canon mínimo de 800,00 euros, que poderá ser incrementado segundo a oferta presentada polo adxudicatario, e que formará parte integrante do contrato en caso de ser aceptado.

Como compensación pola realización destas prestacións, o concesionario terá o dereito de obter os ingresos derivados da explotación do bar.

A explotación deste servizo será responsabilidade exclusiva do adxudicatario, correndo por conta e risco do mesmo.

NOTICIAS VERÍN | Abre o prazo para optar á concesión do bar das piscinas