viernes. 14.06.2024
Jonatás Gago, presidente da D.O., con César Llana, do Museo do Viño de Galicia, con técnicos no despacho de Recaredo Romero.
Jonatás Gago, presidente da D.O., con César Llana, do Museo do Viño de Galicia, e técnicos no despacho de Recaredo Romero.

Os investigadores do futuro Centro de Difusión do Viño de Monterrei que se mergullen na historia vitivinícola da comarca teñen unha axuda imprescindible no arquivo do comerciante Recaredo Romero. Prezos e tipos de uva, censos gandeiros, modelos de propiedade da terra e todo tipo de detalles sobre a historia agraria da bisbarra nas décadas centrais do século pasado son o primeiro tesouro que acaba de entregar aos estudosos da historia o edificio do novo Museo de Verín, recentemente adquirido polo Concello. Técnicos do Museo do Viño de Galicia e da D.O. Monterrei realizaron unha primeira inspección dos mesmos, e desenvolverán agora tarefas de conservación, inventariado e restauración, para polos no futuro ao dispor dos investigadores.

O edificio modernista que albergou desde 1927 os Almacéns Recaredo Romero remata de ser adquirido polo Concello de Verín para sede do seu novo Museo Comarcal. No despacho do comerciante e financeiro agardaba unha sorpresa: varias ducias de tomos de pormenorizada documentación sobre transaccións agrarias, especialmente de viño e gandeiría, dos anos centrais do século XX da comarca de Monterrei, incluíndo os documentos de creación da Cooperativa de Monterrei.

Recaredo Romero foi un dos grandes propietarios de Verín, e en 1965 fundou xunto a outros emprendedores que querían impulsar unha nova dimensión enolóxica na comarca,  a “Cooperativa de Monterrey”, coas mellores instalacións do momento na localidade de Albarellos. En dúas décadas de expansión, chegou a mercar 4 millóns de quilogramos de uva ao ano a 600 viticultores da comarca, constituíndose así no xermolo da actual D.O. Monterrei.

Un dos documentos fundacionais da extinta Cooperativa Monterrey, atopado no despacho de Recaredo Romero.
Un dos documentos fundacionais da extinta Cooperativa Monterrey, atopado no despacho de Recaredo Romero.

Ademais, mantivo unha importante actividade comercial por toda a comarca, que abarcaba desde actividades gandeiras, financeiras, agrícolas -destacando o viño- e comerciais de todo tipo. Por iso, a abondosa documentación atopada é unha fonte inesgotable de topónimos, prezos, tipos e clases de actividades económicas e do réxime da propiedade de terras e facendas, que pode ser “unha interesantísima fonte de consulta sociolóxica e económica para doutorandos e investigadores do futuro sobre as condicións e evolución da economía agraria da comarca de Monterrei en pleno século XX”, segundo os técnicos.

Agora, a primeira tarefa urxente é consolidar e restaurar os milleiros de documentos para que poidan cumprir esta función documental. Para iso, o Concello de Verín xa estuda a fórmula de colaboración co Museo do Viño de Galicia, que conta cos especialistas de conservación oficial e instalacións adecuadas para elo, e coa D.O. Monterrei para a súa preservación.

Museo do Viño de Galicia

Á unha primeira inspección de emerxencia acudiron o director do Museo do Viño de Galicia e o presidente da D.O. Monterrei, César Llana e Jonatás Gago, acompañados de técnicos de conservación da Xunta e o persoal técnico da denominación de orixe. Ante a importancia e amplitude da documentación, acordaron impulsar inmediatamente os mecanismos de colaboración necesarios para a conservación dos milleiros de documentos que agochaba o despacho do comerciante verinés.

Algúns dos tomos, afectados pola humidade, atópanse nun estado delicado, polo que serán postos a disposición de técnicos de conservación para a súa salvagarda. Gran parte da documentación (libros, actas, documentos económicos, listaxes e todo tipo de descricións) está en bo estado, tal e como constataron os conservadores do Museo do Viño de Galicia, pero necesitan urxentemente tarefas de consolidación e documentación para preservar a súa utilidade. 

Precisamente a semana pasada o Concello e a D.O. Monterrei anunciaban a preparación dun convenio para o desenvolvemento do Centro de Difusión do Viño de Monterrei no complexo dos edificios de Recaredo Romero. Serán máis de 500 metros cadrados destinados á valorizar o viño da comarca, e a ampliar a súa base comercial. Sen dúbida, os documentos agora atopados terán un amplo protagonismo neste espazo. 

NOTICIAS VERÍN | Descobren importantes documentos da historia do viño de Monterrei no...
Entrando en la página solicitada Saltar publicidad