O Concello de Verín vén de aprobar no pleno desta mañá os seus orzamentos para este 2022 no se gastará todo o que se ingrese. En total, a cifra do presuposto acadada os 12.052.273,70 euros e aumenta con respecto ó exercicio anterior. "Somos conscientes de que este orzamento chegou tarde. Dende a renuncia da interventora traballamos para solventar a situación e, aínda sen adxudicar a plaza, facemos un traballo de responsabilidade para unha aprobación inicial", sinalou Diego Lourenzo, tenente de alcalde do Concello.
Unha boa parte dos orzamentos será absorvida polo gasto do persoal municipal, para o que se destinará preto do 45% do diñeiro dispoñible. O Concello empregará 5.211.111 euros para o pago dos seus traballadores, unha cifra lixeiramente inferior con respecto ó 2021.
O efecto do encarecemento das subministracións básicas tamén repercute nos gastos do Concello. Os orzamentos destinarán 2.841.651,19 euros para o pago de bens correntes e servizos, o que supón case un 25% do total e tamén un incremento de preto de 600.000 euros fronte ó 2021. Só para o pago de materiais e subministracións como poden ser a luz ou o combustible, empregaranse 1.846.416,35 euros, máis da metade do total.
Con case un 70% dos gastos xa adxudicados, as inversións lévanse o groso do diñeiro restante con 2.403.039,96 euros, uns 200.000 menos que no exercicio anterior. Neste apartado destacan uns 450.000 euros que se empregarán para asfaltado e pavimentación en núcleos de poboación para mellorar zonas viarias e 320.000 para pagar a donos de terreos que o goberno popular empregou no 2014 para construír o Auditorio. Ademais, a esta lista súmanse outros 200.000 para terreos do entorno da igrexa parroquial que permitirán facer unha conexión entre a rúa Maior e a praza da Alameda.
Ante o aumento dos gastos correntes, como pode ser a luz, o Concello fará unha forte inversión en medidas de aforro enerxético con melloras na eficiencia dos edificios municipais e coa instalación de plazas fotovoltaicas. Para todo isto destinarán preto duns 300.000 euros.
Maior aportación do Estado
No tocante ós ingresos, os orzamentos de 2022 contemplan unha recadación de 12.052.273,70 euros, máis de 200.000 euros por enriba dos datos de 2021, que proceden especialmente dos impostos -directos con 3.748.803,21 euros e indirectos con 250.000- e de transferencias doutras administracións públicas. O Estado aumenta a súa aportación ó Concello de Verín con 3.055.966,06 euros, uns 200.000 máis que no exercicio anterior. O diñeiro aportado pola Xunta e entidades locais mantense invariable con 1.234.543,75 e 121.895,25 euros, respectivamente.
O conxunto dos ingresos que contempla o presuposto complétano as taxas, prezos públicos e outros ingresos con 1.934.093,98 euros, na súa maioría recollidos pola prestación de servizos públicos -800.000 euros-. Ademais, no orzamento tamén destacan 1.200.000 euros recibidos a través dun préstamo bancario.
Estes orzamentos tiveron o voto en contra do PP, quen recriminou ó Concello os retrasos para a súa aprobación. "Se lleva a pleno en setiembre y la documentación se entrega con el tiempo justo para estudiarla", criticou Juan Manuel Jiménez, quen expuxo durante máis de media hora os motivos para o seu voto negativo.