NOTICIAS VERÍN | A obra de Banksy embelece os espazos degradados da vila
O famoso artista urbano a nivel internacional, Banksy, desembarcou en Verín cunha das súas pintadas máis emblemáticas: “Naked man” ou “Home nú pendoirado da fiestra”. A obra forma parte da mostra ao aire libre “Verín, territorio Banksy”, que recuperará, cun percorrido pola súa obra, muros e paredes degradados da vila do Támega.
As obras e os espazos do percorrido están deseñados dentro do proxecto de Interpretación Patrimonial “Verín territorio Banksy” do Concello de Verín, e a execución dos facsímiles das obras do autor internacional corren a cargo do artista local Álex Araújo.
O Concello agarda que sexa un atractivo cultural que, debidamente promocionado, conforme un circuito turístico dentro do casco urbano de Verín. “Sería un final espectacular”, sinalan desde o Concello, “que o propio Banksy rematarse por interesarse na vila e deixase unha das súas obras en Verín”.