NOTICIAS VERÍN | Abre o prazo de inscrición para os interesados en expoñer na Feira de Nadal 2021
O Concello de Verín vén de anunciar que entre os vindeiros 4 e 8 de decembro terá lugar a Feira de Nadal 2021 na praza García Barbón. Todos os interesados en dispoñer dun stand comercial na Feira de Nadal deste ano poden facer xa a súa inscrición -ata o vindeiro 12 de novembro- especificando as súas ideas sobre a decoración do mesmo e sobre o produto a ofertar.
A inscrición quedará formalizada tralo pagamento dunha cota de participación de 75 euros -en efectivo no Concello ou por transferencia bancaria á conta ES11-2080-3567-6230-4000-1312 (ABANCA) e despois de ser entregado o xustificante bancario -xunto coa folla de inscrición- no Rexistro da casa consistorial, a través da Sede Electrónica, ou por correo electrónico aos enderezos asierraa@gmail.com e adl@verin.gal. Para máis información contacten ao teléfono 670 929 035 ou ao 988 410 000.
Condicións de participación
O Concello inclúe uha listaxe de condicións de participación de obrigado cumprimento para os expositores. Entre elas, o respecto á temática natalicia, polo que quedarán excluídas as inscricións que non cumpran con este requerimento. Por mor da limitación do espazo, a asignación de cada posto realizarase por orde de entrada e temática. Dende o consistorio advirten da importancia dunha pronta inscrición e pagamento.
Por outra parte, será obriga dos participantes facerse co mobiliario e demais artiluxios precisos para expoñer os seus produtos así como manter limpo e ordenado o stand e respectar as normas de circulación e estacionamento á hora de repoñer mercancía. O acordo tamén inclúe o compromiso do comerciante a participar na totalidade dos días da feira e no horario completo de apertura -de 12:00h a 22:00h-.
Ao tratarse da festividade de Nadal, a organización permitirá degustacións de produtos típicos desta época do ano.