viernes. 19.04.2024
Marco García e Rafael Godás, dous dos autores de Son para audiovisuais. | FOTO: M. D.
Marco García e Rafael Godás, dous dos autores de 'Son para audiovisuais'. | FOTO: M. D.

A banda sonora dunha película, serie ou videoxogo non é soamente a música, como se adoita pensar. É un complexo cóctel no que inflúen gran cantidade de elementos, sinala o libro 'Son para audiovisuais', protagonista hoxe das actividades paralelas do Festival Internacional de Curtametraxes no Auditorio Municipal.

Unha idea que dous dos autores, Marco García e o verinés Rafael Godás, repetiron durante toda a masterclass. "A banda sonora é como unha ensalada na que hai pepinos, tomates, cebolas... Eses vexetais equivalen aos diálogos, efectos de son ou á música", explica García. Este manual práctico, que crearon xunto con outros dous mestres de Formación Profesional, inclúe técnicas, trucos e exemplos para que os profesionais ou estudantes do sector comecen a crear bandas sonoras.

"Nós, os profesores de imaxe e son, temos que crear os nosos propios apuntamentos, antes deste libro non existían bos manuais dos que botar man. Por iso naceu, para encher ese vacío", sinalan, ante a atenta mirada dunha decena de asistentes. "Estamos moi contentos co resultado", engaden, mentres comezan facendo unha pequena introdución do paso do cine mudo ao cine sonoro.

A charla continuou coa explicación dos elementos necesarios para a gravación de son, como o micrófono, a pértega e os seus usos; a preparación do set de gravación, a dobraxe ou a 'fabricación' dos efectos que despois aparecerán nun filme. "Unha película é unha serie de puntos de vista estranos que permiten que a escritura cinematográfica sexa invisible. Ao igual que nunha prenda de roupa se ocultan as costuras", explica Godás. "O máis importante dunha película é a voz dos actores, todo o demais pódese insertar", engade.

O libro 'Son para audiovisuais'. | FOTO: M. D.O libro 'Son para audiovisuais'. | FOTO: M. D.

Tras hora e media de explicacións, sempre ilustradas con exemplosclips, os asistentes conseguiron descubrir detalles, segredos e erros na banda sonora de películas históricas como, por exemplo, Parque Xurásico. Todos estes coñecementos están explicados amplamente no libro, que inclúe unha colaboración en forma de fotografías de Jorge Godás, profesional da Televisión de Galicia e curmán de Rafael. 

Os autores remataron felicitando á organización do certame e á súa aposta e valorización da arte e da cultura. "Tedes moita valentía", concluíron.

NOTICIAS VERÍN | O verinés Rafael Godás levou ao FIC unha masterclass sobre a creación...