martes. 15.10.2024
Uno de los plenos celebrados en el consistorio verinense. | FOTO: Carlos Montero.
Primeira sesión ordinaria do 2022 que celebra o Concello de Verín. | FOTO: Carlos Montero.

O pleno do Concello de Verín acordou este venres e por unanimidade activar o protocolo para que, tras o incendios acontecidos a semana pasada, se den os pasos necesarios para a declaración de zona afectada gravemente por unha emerxencia de Protección Civil. O obxectivo da proposta é que se habiliten as liñas especiais de axudas e subvencións estatais pertinentes para recuperar o territorio afectado polos incendios.

O Concello de Verín toma esta decisión tras analizar os danos persoais e materiais derivados dos incendios forestais declarados o pasado 3 de agosto de 2022 (denominado #IFVerínVerín) e o 18 de xullo de 2022 (denominado #IFRabalOímbra).

O primeiro iniciouse con máis de 10 focos -o que apunta a unha clara intencionalidade- e aos poucos minutos avanzou con gran virulencia cara diferentes puntos da vila (núcleo urbano e parroquias de Cabreiroá, Ábedes, Queirugás, Vilamaior, O Salgueiro, Caldeliñas, A Rasela e Tintores), xerando importantes danos materiais e obrigando a decretar a situación 2 de emerxencia como medida preventiva ante a proximidade do lume ás casas. O segundo entrou pola fronteira de Portugal o día 18 de xullo de 2022 con afectación no Concello de Verín na parroquia de Mandín provocando importantes danos materiais. A suma total de hectáreas afectadas no cómputo global é de 1931.

No escrito, a Corporación municipal tamén quixo agradecer unha vez máis a todos os profesionais e voluntarios que participaron na extinción do incendio, o seu gran traballo, e rápida  resposta. "Sen dúbida, grazas a todos eles evitouse que o desastre fose moito maior".

Foi o primeiro os puntos da orde do día, que comezaron a debaterse logo de que o líder do Partido Popular en Verín, Manuel Jiménez, plantexase unha cuestión de orde pola demora do actual Executivo na convocatoria de sesións plenarias ordinarias, como era a deste venres, a primeira no que vai de ano. Jiménez Morán apelou ao dereito constitucional do seu exercicio de oposición, "e que tarden oito meses en convocarse un pleno é unha clara e voluntaria falta de respecto a este grupo político". 

Outros asuntos do pleno

Ademais, o pleno ordinario tratou na súa orde do día outros asuntos, quedando aprobado definitivamente tamén o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións do Complexo Balneario - Asistencial de Caldeliñas, por 13 votos (oito do PSdeG - PSOE e cinco do BNG) a favor e catro abstencións do Partido Popular. A oposición xustificou o seu voto argumentando que está pendente de resolución un procedemento da Xunta de Galicia contra a aprobación da IOP (Instrumento de Ordenación Provisional), esa sorte de solución intermedia ata que Verín non dispoña dun Plan Xeral de Ordenación Municipal. Entende o voceiro popular que o plan especial de infraestruturas e dotacións que permitirá a construción do xeriátrico da Fundación San Rosendo carecería de seguridade xurídica se é que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acaba desautorizando a IOP. Algo que segundo Gerardo Seoane nunca podería acontecer, porque "ese plan especial tramitouse antes da IOP precisamente porque era preceptivo para poder construír en Caldeliñas a residencia da Fundación, xa que o Plan Xeral que aprobara Jiménez acabou sendo tumbado pola Xustiza. Ademais, son procedementos totalmente independentes e para nada vinculantes". 

Por outra banda, foi ratificado na sesión plenaria, por 13 votos (oito do PSdeG - PSOE e cinco do BNG) a favor e catro abstencións do Partido Popular, o convenio anual coa Asociación Vía XIV para a realización da VII Edición do Festival Internacional de Curtametraxes outorgando unha cooperación financeira municipal por importe de 40.000 euros.

Tamén se aprobou, por 13 votos (oito do PSdeG - PSOE e cinco do BNG) a favor e catro votos en contra do Partido Popular, solicitar o inicio do procedemento relativo á cesión do tramo urbano que discorre polo termo municipal do Concello de Verín, da vía de titularidade da Deputación OU - 1021 Verín, dende o Pk 0 ao punto quilométrico 0,536, isto é, a estrada que comunica San Lázaro coa Pousa, xa en Monterrei, e na que o Goberno local está executando obras de construción de beirarrúas a unha e outra marxe. Manuel Jiménez justificou o voto en contra do seu grupo asegurando que a Deputación de Ourense, a aínda propietaria da vía, ten "aberto un expediente de reposición da legalidade que considera ilegais esas obras e no que interesa a súa paralización. Por iso que ata que non se resolva esta cuestión, non imos a apoiar esa cesión". 

Por último fixáronse no pleno, por unanimidade, os días festivos para o ano 2023 sendo finalmente o 17 de xaneiro (San Antón) e o 22 de febreiro (mércores de cinza).

NOTICIAS VERÍN | Unanimidade da Corporación para pedir a declaración de zona catastrófica