viernes. 26.04.2024
Enrique Táboas, último mestre cesteiro de Mondariz, no seu taller deSanxenxo (Pontevedra) .
Enrique Táboas, último mestre cesteiro de Mondariz, no seu taller de Sanxenxo (Pontevedra).

O documental "Os cesteiros de Mondariz" foi estreado de maneira oficial hai tan só 18 días e xa se dispón a comezar a súa viaxe para ser coñecido por toda Galicia, ao igual que o é a tradición á que rende homenaxe. Esta curta, rodada no mes de maio en diversas localizacións da comunidade, está enmarcada nunha intensa vontade de recuperar o oficio tradicional dos cesteiros. A primeira parada desa viaxe é o concello de Verín, a onde chegará o vindeiro venres 20 de agosto. Será proxectado no Auditorio Municipal ás 20:00h de maneira gratuita ata completar o aforo permitido. O encargado de presentar o proxecto na vila será o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros

A sinopse e o obxectivo de futuro

A historia do último mestre cesteiro en activo de Mondariz, Enrique Táboas, serve de fío para tecer narrativamente a memoria colectiva da ocupación, que durante xeracións atesourou esta tradición tan valorada incluso fóra das fronteiras galegas. Aínda que esta non é a única fonte documental, pois recolle tamén testemuñas doutras persoas relacionadas co oficio desde diferentes perspectivas, como etnólogos, filólogos, cesteiros contemporáneos e veciños da zona.

O obxectivo do documental é perseguir a recuperación da memoria colectiva e impulsar unha visión de futuro, baseada na relación da comunidade cesteira co medio natural e que conecta o presente co futuro. Isto é, formar cesteiros para que a tradición non morra e o oficio se renove. Incidindo tamén na plantación de árbores, que sirvan de materia prima para a confección de produtos que substitúan aos de plástico, os cales supoñen un grave problema para o medio ambiente.

A historia

Ata finais do século XX a profesión de cesteiro estaba inmersa en case todos os fogares da zona. Nunha economía como a de entón, de subsistencia, a artesanía era a actividade que lles permitía xerar ingresos. Por iso, o oficio era a principal herdanza que os pais lles deixaban aos seus fillos.

O modus operandi dos artesáns semella ao que agora podería ser unha feira. Funcionaban como vendedores itinerantes, o que lles permitía adaptarse aos compradores locais. Por exemplo, en Ourense, vendían cestos destinados á vendima. A chegada de produtos doutros materiais, con mellor prezo, foi o verdugo do oficio.

NOTICIAS VERÍN | A tradición cesteira de Mondariz comeza a súa xira en Verín