viernes. 26.04.2024
Os 53 alumnos do IES Celso Emilio Ferreiro de Celanova, esta mañá no Castelo de Monterrei. | FOTO: M. D.
Algo máis de cincuenta alumnos do IES Celso Emilio Ferreiro de Celanova, esta mañá no castelo de Monterrei. | FOTO: M. D.

Algo máis de 50 alumnos de terceiro curso do IES Celso Emilio Ferreiro de Celanova visitaron hoxe Verín, moitos deles por primeira vez, co obxectivo de coñecer os principais sinais de identidade da vila, no seo do programa Coñece Ourense, promovido pola Deputación provincial, e que pon en valor o patrimonio histórico e cultural das principais localidades ourensás.

O programa, que xa vai pola súa sexta edición e está impartido polo centro de actividades lúdicas Ganeda, é unha ferramenta coa que os rapaces poden coñecer a historia dun lugar a través da superación de diferentes probas, o que chamaron Verín Exprés -emulando ao coñecido programa de televisión-. "Hai diferentes puntos como a estatua do Cigarrón, que teñen que atopar; e contestar preguntas, como cales son os tres mananciais de Verín ou onde desemboca o río Támega", conta Adrián Novo, un dos dous monitores. "Sempre interactuando cos veciños da vila, que son parte fundamental para resolver as probas", engade.

"É a primeira vez que vimos a Verín e xa aprendemos moitas cousas, por exemplo, onde está a Casa do Escudo", dicían algúns, ao remate da expedición na praza García Barbón. "Falamos con moitos veciños aínda que algúns non nos quixeron responder. Ademais de aprender tamén nos divertimos moito", engadían, rindo. Algo fundamental despois dunha época difícil como a que estamos a vivir trala chegada do coronavirus. "É unha experiencia positiva para eles despois de dous anos sen saír, facíalles moita ilusión vir e facer cousas xuntos", afirmaba Ana Delgado, unha das profesoras.

Os rapaces acompañados de Roberto Blanco.

Tras arredor dunha hora intentando superar os xogos, dirixíronse ao ineludible Castelo de Monterrei, onde foron recibidos polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e mailo alcalde de Monterrei, José Luis Suárez. Tras o saúdo, comezou unha visita guiada coa que descubriron a historia da fortaleza da man de Roberto Blanco, guía e responsable da oficina de turismo de Monterrei. "Non todos os días teñen a oportunidade de visitar un castelo e que lles expliquen a súa historia. É interesantísimo", concluía a profesora.

NOTICIAS VERÍN | Medio cento de alumnos de Celanova coñecen os sinais de identidade de...