viernes. 19.04.2024
Público asistente á presentación da oferta formativa do IES García Barbón. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
Público asistente á presentación da oferta formativa do IES García Barbón. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Parte do corpo directivo do IES García Barbón de Verín participaron esta mesma mañá na primeira das presentacións que, da súa oferta formativa, organiza o centro educativo. Ademais, deron a coñecer o viveiro de empresas que habilitaron á carón das aulas, e no que se poden establecer, por un tempo máximo de 12 meses, todos aqueles exalumnos que teñan un proxecto empresarial na mente e queiran levalo adiante. 

Á charla deste venres estaban convidados todos os representantes municipais dos concellos das comarcas de Verín e Xinzo de Limia, así como aqueles voceiros autorizados de todos os axentes e institucións sociais do territorio. O propósito, como así o manifestou a directora do García Barbón, Marisol Gómez, non era outro que darlle a maior difusión posible "a toda a nosa oferta, porque sabemos que hai alumnos que non chegan a nós porque descoñecen todo o que aquí impartimos". Dende o IES tamén perseguen, con esta iniciativa, testar as necesidades que teñen os municipios -a través de todos os seus axentes sociais e representantes- para, nos vindeiros anos académicos, reclamar da Administración autonómica os ciclos formativos máis acordes ca demanda de postos de traballo do ámbito xeográfico de Monterrei e A Limia. 

WhatsApp Image 2022-06-10 at 12.53.58 PM
Maite González, Marisol Gómez -directora do IES- e Cristina Silva. | FOTO: Alberto Fortes. 

Pero, foi, sen dúbida, o programa de Formación Profesional Dual o que máis tempo da presentación consumiu. Esta modalidade de formación profesional, que ten como finalidade a cualificación do alumnado nun réxime de alternancia -isto é, combinando a formación no centro educativo coa formación e a actividade profesionalizadora na empresa- permitirá que 12 persoas, necesariamente maiores de 18 anos, entren en contacto co mundo real da empresa e participen de xeito activo e directo no proceso produtivo, coa súa oportuna alta no réxime xeral da Seguridade Social e desfrutando dun contrato de traballo que estará remunerado, como mínimo, na metade do salario mínimo interprofesional (SMI): 500 euros

As empresas que asinen convenio co IES terán, nos dous anos do programa, entre os meses de febreiro e agosto o primeiro deles, e de xaneiro a agosto tamén no segundo ano; á súa disposición aos alumnos do ciclo, aos que deberán tutelar participando así directamente na súa formación. 

Sede gratis para novas empresas

No acto de presentación da oferta formativa tamén se amosou aos asistentes as instalacións do viveiro de empresas, que veñen de rematar e que está dispoñible para todos aqueles exalumnos, deste e doutros centros académicos galegos, que desexen emprender na comarca contando co asesoramento do claustro de profesores do IES García Barbón. Terán instalacións con todos os servizos e poderán dispor delas ata un máximo de 12 meses, que se poden prorrogar un ano máis no caso de que non haxa demanda. 

Máis oferta: Ciclo Medio de Electromecánica de Maquinaria Agrícola

É a novidade do vindeiro curso académico. Dentro do programa de formación dual, aqueles que estén interesados en obter ou incrementar os coñecementos de electromecánica de maquinaria agrícola teñen, en sete empresas das comarcas de Monterrei, Xinzo e Viana do Bolo, unha oportunidade.

 

NOTICIAS VERÍN | O IES García Barbón oferta 12 prazas para adultos que queiran formarse...