Os expositores califican como sobresaínte a organización do evento

NOTICIAS VERÍN | A Feira de Nadal supera todas as expectativas e bate récords de vendas

A Feira Nadal de Verín consolídase e bate récords de visitantes.

A pesares de que este ano a ponte festiva da Constitución non foi longa, as rúas de Verín foron un fervedoiro de persoas. Proba delo é o éxito da Feira de Nadal que se celebrou na vila durante eses días e na que se podía ver un continuo ir e vir de xentes. O Concello de Verín califícaa como "excelente", logo dos resultados das enquisas respondidas polos expositores que participaron.

Os datos reflicten que seguimos unha tónica de mellora continua, ofrecendo aos expositores e visitantes unha experiencia de calidade

Pechada a Feira de Nadal tocaba facer balance, e o Concello de Verín falou cos comerciantes para coñecer a súa valoración e satisfacción co evento.  A localización, a limpeza e a organización xeral acadaron valoracións sobresaíntes, pero destaca o incremento nas vendas; expositores e comerciantes puntuaron coa mellor valoración dos últimos anos a satisfacción coas vendas realizadas, que amosan un aumento progresivo con respecto a anteriores edicións.

 

Estos datos confirman o éxito da Feira de Nadal de Verín, que se consolida como evento imprescindible na vila, motor da economía local e polo de atracción de visitantes. O concelleiro de Feiras, Manuel Lourenzo, destacaba os resultados: "Os datos reflicten que seguimos unha tónica de mellora continua, ofrecendo aos expositores e visitantes unha experiencia de calidade. É especialmente satisfactorio ver un aumento tan significativo nas vendas, algo que é clave para o éxito de calquera feira".

Satisfacción e intención de continuidade

Un dato especialmente relevante é que 30 dos 31 expositores confirmaron o seu interese en participar na Feira de Nadal 2025, destacando a fidelización lograda polo evento. Ademais, o 80% amosou interese por participar na Feira do Lázaro 2025, marcando un récord de intención de participación neste evento en comparación con anos anteriores.

O stand de Yolanda Hernández e Beatriz Cándido foi premiado como o mellor; Manuel Lourenzo entregáballes o diploma.

Como en cada edición, outorgouse un premio ao mellor stand. Este ano recaeu en "La luna de los sueños", de Yolanda Hernández Marco e Beatriz Cándido Carrasco.