viernes. 19.04.2024
Fan - Fan, Íñigo Rolán e Adolfo Taboada.
Sabela Souto asina esta imaxe na que Fan - Fan non puido conter as bágoas cando lembraba a súa participación nos diferentes entroidos.

Foi o momento máis emotivo vivido na tarde na que se presentou, baixo o paraugas organizativo do festival verinense e internacional de curtas, o documental "Capuchóns", de Íñigo Rolán Taboada. Logo do seu visionado, e na primeira das quendas da tertulia, un emocionado José Ramón González Sola "Fan - Fan" non foi quen de seguir falando cando, lembrando a súa participación tan activa na celebración de incontables entroidos verinenses, dixo aquilo de "Eu, agora vexo o desfile e sufro". 

É, foi, a verdadeira e máis clara exemplificación do sentimento entroideiro dos de Verín, que unha vez máis quedou patente e de manifesto co gallo da estrea do documental inspirado, sen dúbida, por outro representante da festa local máis querida, aínda que neste caso dende unha faceta moito máis institucional. 

Íñigo Rolán TaboadaO director do documental "Capuchóns", o verinense Íñigo Rolán Taboada. 

Íñigo Rolán Taboada, grao en Comunicación Audiovisual e asinante da produción proxectada este mércores, é neto de Adolfo Taboada Sanz, coñecido letrado da vila de Verín e que, entre outras das súas moitas facetas vitais, presidiu a comisión que reactivaría a celebración do desfile do Entroido tal e como a coñecemos hoxe e que permanecera silenciada polo franquismo ata 1967.

Taboada Sanz, por aquel entón correspondente dun diario provincial, tivo a ousadía de comezar a nomear nos titulares de prensa ao Carnaval de Verín, como el mesmo relatou esta tarde. Logo, xa dende a tenencia da alcaldía do Concello, acabou presidindo a comisión que poría de novo en marcha a grande festa do entroido verinense. O que si descoñecían moitos dos presentes é que el mesmo, coa súa cámara Super 8 con só cintas de tres minutos de gravación, rexistraría e conservaría con mimo algúns dos desfiles que medio século despois un dos seus netos -o mesmo que acabouno sentando a carón do entroideiro Fan - Fan- reviviría no documental "Capuchóns". 

A peza audiovisual recolle imaxes daquel 1967 e dalgúns outros anos máis. A curta aborda unha época na que as celebracións mantiñan un carácter enxebre, na que a fariña estaba presente todos os días e na que as carrozas non lucían só o Domingo de Entroido. Un manifesto a prol da volta a unhas tradicións que se perderon desde hai moitos anos debido á visión máis turística que colleu o Carnaval de Verín.

Pero Rolán Taboada non quixo deixar de gravar e reproducir o baleiro das rúas do Entroido do 2021, ese que non chegou a celebrarse por mor da pandemia. Logo de varios planos sen ninguén polas oscuras localizacións que só un ano antes estaban cheas de xente, aparece, case para pór remate ao seu documental, o sempiterno Fan - Fan, empurrando un carriño no que ía, quizás, o malferido entroido, só alimentado polo espíritu dos verinenses e un intermitente goteiro

WhatsApp Image 2021-09-08 at 21.53.22Desde a esquerda: Modesto Meno, Gerardo Hervella, Olga Rivera, "Fan - Fan", Adolfo Taboada Sanz e Íñigo Rolán Taboada, á saída da proxección. 

Na segunda quenda de tertulianos, tres lixeiramente máis novos que os dous primeiros, aínda que abofé co mesmo incombustible espíritu entroideiro. Olga Rivera, vella coñecida de comadres, explicou o que para ela significa a maior das festas das de Verín e o tempo que lle consumen ao ano: "Fanme falta tres meses, o primeiro para preparalo; o segundo, para desfrutalo, e o terceiro para comentar as mellores xogadas", asegurou, confirmando que ese sentimento, "o do espírito de Entroido, ese non hai que entrenalo". Condición que comparten, como non, os que con ela subiron ao escenario -Modesto Meno e Gerardo Hervella-, e moitos outros que participaron nos testimonios recollidos por Rolán Taboada e que non estaban esta tarde presentes, como Miguel Ángel Prieto Sotelo, Frei "Chitín". 

NOTICIAS VERÍN | Fan - Fan: "Eu, estou vendo o desfile do Entroido, e sufro"