martes. 30.04.2024
A Raíña do Entroido, saudando dende a Casa do Escudo. (FOTO: CARLOS MONTERO)
A Raíña do Entroido, saudando dende a Casa do Escudo. | FOTO: Carlos Montero.

A área de Turismo, Cultura e Festexos do Concello de Verín abre o prazo de inscrición para as carrozas e comparsas que desexen participar nos desfiles do Entroido 2024. A data límite para formalizar a participación será mércores 31 xaneiro. Como novidades, este ano, a organización ofrece axudas directas e fai un chamamento á participación activa nos mesmos dos grupos de comadres.

Este ano, os Desfiles de Entroido en Verín presentan unha importante novidade ofrecendo axudas directas á participación de carrozas e comparsas, destinadas a impulsar a creatividade e a animación neste destacado evento. Cunha asignación máxima de 10.000 euros procedentes do orzamento municipal, os premios repartiranse equitativamente entre os participantes, seguindo unha estrutura que premia o número de integrantes, desde 200 euros para grupos máis pequenos ata 500 euros para aqueles con máis de 30 membros. A distribución levarase a cabo respectando rigorosamente a orde de inscrición, incentivando a pronta participación e recoñecendo o esforzo de todos os grupos involucrados.

Por outra banda, e co propósito de visibilizar e valorizar os elaborados disfraces que -ano tras ano-  crean con paixón centos de grupos de mulleres para a mítica noite de comadres, desde a área de Festexos faise un chamamento á súa participación activa nos desfiles. "Esperamos que se presenten o maior número de grupos de comadres, xa que estamos seguros que isto contribuirá a enriquecer a experiencia de participantes e espectadores por igual, enchendo de colorido e diversión as rúas de Verín", destacaron desde a área de Turismo, Cultura e Festexos.

Bases do concurso de comparsas Entroido 2024

 

A Concellería de Cultura do Concello de Verín convoca o tradicional desfile de comparsas, dentro do programa de actividades do Entroido 2024.

As presentes bases rexerán a concesión de premios ás comparsas/carrozas pola súa participación nos desfiles programados polo Concello de Verín.

O desfile do Entroido de Verín é unha celebración única que destaca pola súa rica tradición e colorido, onde a creatividade e a festa conflúen nunha explosión de alegría. Co obxectivo de enriquecer aínda máis esta experiencia, elabóranse estas bases para incentivar a participación nos desfiles.

Ademais, e co propósito de visibilizar e valorizar os elaborados disfraces que ano tras ano crean con paixón centos de grupos de Comadres para a mítica noite, faise un chamamento a todas as Comadres así como tamén a toda a veciñanza que vive e fai Entroido, a que se sumen a esta tradicional cita contribuíndo, sen dúbida, a enriquecer a experiencia de participantes e espectadores por igual, enchendo de colorido e diversión as rúas de Verín.

REQUISITOS XERAIS:

Neste desfile poderán inscribirse todas aquelas comparsas e carrozas constituídas legalmente como asociacións, clubes sen ánimo de lucro, ou agrupacións de persoas fisicas (sen CIF) que desexen participar nos desfiles, como comparsas ou con carrozas, indicando sempre o número de persoas que participarán nos desfiles.

a) Participantes

Poderán optar aos premios establecidos nas presentes bases todas aquelas comparsas ou carrozas, e poderán inscribirse en dúas modalidades:

  • Carrozas
  • Comparsas

 

b) Inscricións e prazo

As inscricións deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Verín no impreso normalizado para esta finalidade, e achegarán a seguinte documentación de carácter obrigatorio:

  • Fotocopia do CIF da asociación / NIF do representante do grupo de persoas
  • Declaración responsable asinada polo presidente/a da Asociación, ou representante da carroza/comparsa participante, onde figuren o nome e o DNI de TODOS OS INTEGRANTES da carroza/comparsa
  • Certificado do IBAN da conta bancaria para o ingreso ao representante.
  • Documentación dos vehículos para a participación nos desfiles:

                              - Permiso de condución

                              - Permiso de circulación

                              - Ficha técnica ITV vixente

                              - Recibo do seguro vixente

As asociacións participantes poderán inscribir as súas comparsas dende o 15 de xaneiro ata o 31 de xaneiro de 2024 ambos incluídos. Aquelas inscricións realizadas antes ou despois do prazo estipulado nestas bases non serán admitidas, calquera que sexa a causa.

A Concellería de Samanta Barreira fai un especial chamamento á participación das Comadres nos desfiles do Entroido. | FOTO: Carlos Montero.
A Concellería de Samanta Barreira fai un especial chamamento á participación das Comadres nos desfiles do Entroido. | FOTO: Carlos Montero.

c) Importe dos premios

A cantidade máxima destinada a premios de participación no Entroido establécese en 10.000 euros con cargo ao vixente orzamento municipal. 

O importe dos premios determinarase segundo o número de compoñentes da comparsa:

NUMERO DE INTEGRANTES CARROZA/COMPARSA

IMPORTE

De 1 a 10 compoñentes

200

De 11 a 20 compoñentes

300

De 21 a 30 compoñentes

400

Máis de 30 compoñentes

500

 

O importe máximo establecido de 10.000 euros repartirase ata acadar esta cifra e seguindo rigorosamente a orde de inscrición. Aquelas comparsas que desexen participar no Entroido fóra deste orzamento, poderán inscribirse pero sen opción ao premio por participación.

De acordo co reglamento do IRPF, os premios que se entreguen como consecuencia da participación nos desfiles, estarán suxeitos a retención ou ingreso a conta, segundo a lexislación vixente.

Si se dera o caso de cancelación nalgunha ou en ambas datas dos desfiles por motivos alleos á organización (como a climatoloxía), entenderase tamén alleo ao cumprimento das carrozas e comparsas, polo que non afectaría a recepción do premio.

Para poder optar a estes premios por participación, as carrozas e comparsas inscritas deben participar nos desfiles do domingo e martes de entroido 2024 que organiza o Concello de Verín, non recibirán premio se soamente desfilan un dia.

d) Orde de participación

A organización resérvase o dereito a ordenar o desfile en función das características de cada unha das carrozas e comparsas participantes, de maneira que sexa equilibrada de cara aos espectadores.

Cada comparsa deberá levar un cartel visible na súa parte frontal que indicará o seu nome e o número de compoñentes.

e) Obrigas das comparsas

As comparsas que aspiren ao premio de participación teñen a obriga de estar inscritas e participar nos desfiles do domingo e do martes de Entroido, non recibindo premio se soamente desfilan un día. Aquelas comparas que queiran participar fóra de prazo, non terán dereito ao premio.

f) Percorrido nos desfiles

Os desfiles terán lugar nas datas e horarios sinalados no programa de festas do Entroido.

  • Domingo: ás 12:00 h., partirá da Avenida de Castela desprazándose pola Avenida Luis Espada ata a Rúa da Alameda para entrar á Praza García Barbón a través da Praza da Alameda.
  • Martes: ás 16:30 h., partirá partirá da Avenida de Castela desprazándose pola Avenida Luis Espada ata a Rúa da Alameda para entrar á Praza García Barbón a través da Praza da Alameda.

Está totalmente  prohibido o uso de animais, sprays  ou petardos. 

Os percorridos e horarios poderán ser obxecto de variacións.

g) Comité de observación e valoración de premios

Proporase un comité de observación mediante resolución da Alcaldía, que terá competencias para: a valoración das inscricións realizadas polas asociacións, cumprimento da documentación esixida segundo as presentes bases, desenvolvemento dos desfiles, descualificacións e asignación dos premios segundo o número de compoñentes, emitindo unha proposta de concesión de premios que será resolta por resolución de Alcaldía.

Este comité de observación estará formado por un número impar de membros, proposto pola Concellería de Cultura.   

A participación supón a plena aceptación do disposto nas presentes bases e o incumprimento de calquera das cláusulas dará lugar á perda do dereito de optar aos premios de participación.

ENTROIDO VERÍN | O Concello repartirá 10.000 euros entre as comparsas e carrozas do...