martes. 23.04.2024
Rubén Riós posa co premio acompañado da actriz Uxía Blanco e os seus padriños, Manolo Fernández e Maricarmen Rodríguez.
Rubén Riós posa co premio acompañado da actriz Uxía Blanco e os seus padriños, Manolo Fernández e Maricarmen Rodríguez.

O actor e director Rubén Riós está de parabéns. O proxecto audiovisual 'Arrieiros Somos', da súa autoría, vén de ser galardoado como a mellor webserie no marco do Festival de Cine Inclusivo de Vigo, que tivo lugar a pasada semana.

Este certame, que xa vai pola súa sexta edición, ten como obxectivo, tal e como especifican na súa páxina web, facer visible o invisible dándolle un espazo a realidades ignoradas, esquecidas ou descoñecidas que nos rodean no noso día a día.

Rubén Riós acompañado do director do FCI de Vigo, Gonzalo Suárez.Rubén Riós acompañado do director do FCI de Vigo, Gonzalo Suárez.

O mesmo que Riós plasma á perfección neste traballo, no que os protagonistas son os maiores, apostando pola súa sabedoría e experiencia e que simbolizan o que significa vivir no rural galego. Dentro do seu afán de visibilizalo, adica esta serie-documental a un colectivo, tal e como definiu el mesmo, moi castigado e golpeado pola pandemia.

"Despois de nacer no medio dunha pandemia, dános moita forza este premio para continuar. Ademais de estrear nos vindeiros días a segunda tempada estamos inmersos na gravación da terceira, case pechándoa e con máis ilusión que nunca", afirma o director. "Agora, decidimos unirnos a Afundación, a Obra Social de Abanca, porque compartimos o principal obxectivo que é darlle valor á terceira idade", engade.

Na serie atopamos resiliencia en grandes doses e sabedoría en igual medida e iso é o que dende a Obra Social de Abanca queremos poñer en valor (Marité Cortés, coordinadora da Área de Cultura de Afundación)

Ademais, a serie acaba de ser nominada no festival de webseries de Carballo, o Carballo Interplay e, segundo anunciou o director a este medio, percorrerá diferentes festivais de ámbito nacional e será proposta para participar tamén nos premios Mestre Mateo.

Onde ver os novos capítulos

Despois do éxito da primeira parte, que alcanzou os 100.000 visionados, o director estrea este vindeiro venres 22 a súa segunda entrega formada por doce capítulos. Cada un deles será emitido os venres ás 21:00h a través da canle Afundacion TV, nos que se mergullará no mundo do abandono rural, na soidade, na emigración; así como no patrimonio natural e cultural da nosa terrra a través das xentes dos concellos que a integran.

"Para nós é fundamental que a xuventude coñeza e valore a nosa identidade a través das historias que nos deixan as xeracións máis lonxevas, por iso, imos estender o visionado por centros de ensino e universidades como un empoderamento para os maiores, moitas veces os máis esquecidos", di Carolina Martín, de Claqueta Coqueta, produtora da serie.

O primeiro capítulo renderá unha homenaxe a título póstumo a Lola, do Concello de Teo, unha muller pioneira no seu tempo que foi mestra de autoescola e líder dun equipo de fútbol feminino, nun tempo no que as mulleres non adoitaban adoptar este tipo de roles.

NOTICIAS VERÍN | Rubén Riós estrea a segunda tempada de 'Arrieiros Somos' cun novo...