martes. 23.04.2024
O fotógrafo verinés Adrián González Salgueiro.
O fotógrafo verinés Adrián González Salgueiro.

Adrián González Salgueiro foi, como el mesmo conta, adicto ás cámaras de usar e tirar de cativo, feito que o levou a converterse nun amante acérrimo da fotografía e adicarse profesionalmente a ela de xeito autodidacta. Este verinés, de 23 anos e recén graduado en Historia da Arte, estuda actualmente en Compostela un máster relacionado coa docencia, a súa outra paixón. Agora, varios anos despois de mergullarse no eido da imaxe e de lograr formar parte de exposicións tanto nacionais como internacionais, participa, ata o vindeiro domingo 31, en Intersección, o festival de arte audiovisual contemporánea celebrado na Coruña que se consolida coa súa cuarta edición.

Falamos de arte contemporánea, define ese adxectivo a súa obra?

A miña obra, en xeral, xoga coa abstracción e a subxectividade para alterar a imaxe e, deste xeito, transportar ao espectador a novos espazos que o desligan do que é real. Con isto, proxéctanse fotografías oníricas e imaxinarias que constitúen un ser en si mesmo. Son consciente de que o meu discurso presenta un problema, xa que non é sinxelo nin posible borrar totalmente a realidade pero a través do subxectivo podemos xerar unha forma creativa centrada na proxección do que, de xeito natural, non existe na nosa mirada. Para iso, emprego fotografía dixital e analóxica, xa que se complementan moi ben. En canto á técnica, utilizo xogos de luces, con brancos e negros de alto contraste coas que lograr esa abstracción da imaxe. No tocante á inspiración, penso que ao estar bombardeado por imaxes continuamente todo deixa unha pegada á hora de visualizar ou pensar nas imaxes. Todo o cinema e a fotografía que consumo inflúe no meu traballo.

Enxames, a obra coa que participa en Intersección, segue esa liña?

Enxames é unha obra excepcional no meu traballo. Despois de falar tanto do meu interese por traballar a abstracción... Esta obra representa todo o contrario. Enxames é a aldea da miña familia materna, unha comarca de moi poucos habitantes na que tiven a sorte de desfrutar de viviencias incríbles na miña infancia. E con iso xoguei, xa que a obra consiste nunha reconstrución da imaxe do pasado, dentro da sección na que participo de representación do rural e, para iso, traballei con documentos e fotografías dos meus avós coas que recreei un documento etnográfico e visual da aldea de San Xoán. Tamén foron incluídas diferentes figuras da aldea e poemarios antigos. Participar neste festival é unha sorpresa para min e unha alegría xa que este tipo de espazos son moi necesarios ademais de ser un punto de encontro cultural de gran peso a todos os niveis. 

Unha das fotografías do proxecto 'Enxames'.

De todos os seus traballos, cal destacaría?

Probablemente Meridiano, onde traballo sobre a teoría da auga como unha fina liña que separa dous espazos, un físico e outro espiritual. Neste proxecto volven esa abstracción e irrealización dos escenarios que vos comentaba. Tamén podería destacar Transit, que se basea no paso do tempo na xestualidade humana, unha referencia ao paso da vida á morte e que se compón principalmente de fotografías das mans da miña avoa. Ela sufría de artrosis e recordo que sempre me dicía que o tempo se aprecia moito nas mans. Actualmente tamén traio algo entre mans, algo que ten que ver coa natureza, sobre a abstracción -de novo- da natureza baixo a influencia da noite. Se todo vai ben, que agardo que si, pronto poderei ensinárvolo.

É vostede moi novo. Cales son as súas expectativas profesionais? Quizáis un regreso a Verín?

Dáme bastante medo falar disto (rí), xa que a incertidume do futuro é o gran mal da actualidade. Por un lado, gustaríame seguir traballando na fotografía, iso téñoo claro, porque forma parte da miña vida. Por outro, a docencia é un campo no cal tamén me sinto cómodo e para o que me estou formando actualmente. A Verín volvo de cando en vez, ao final é a miña casa, non creo que o abandone xamáis, tanto Verín como Enxames, pero para asentarme nun futuro, non o sei. De todas maneiras, en Verín están a facerse cousas moi grandes, son a demostración de que con interese poden chegar a facerse. Ata hai pouco o ámbito cultural estaba un pouco desaproveitado, pero agora, no que a min me interesa, a arte, está volvendo despegar. Son moi boas noticias e, dende logo, son moi necesarios máis espazos para a xente nova da vila que se adica ou pretende adicarse a este tipo de disciplinas.

Que é para vostede a fotografía?

Un medio polo que me expreso e transmito ideas asertivamente. Penso que a fotografía ou, máis en xeral, a imaxe, máis aló do seu carácter documental e centrado dende os seus inicios en capturar a realidade, se pode empregar para xogar coa irrealización e isto é o que a min máis me interesa. O poder da imaxe para xogar coa subxectividade e funcionar como unha vía de escape fronte ao que é real.

NOTICIAS VERÍN | Adrián González Salgueiro: "Todo o que nos rodea deixa unha pegada que...