domingo. 13.10.2024
O conselleiro do Medio Rural, José González, responde no Parlamento unha interpelación sobre as medidas da Consellería relativas á prevención de incendios forestais. | FOTO: Xoán Crespo.
O conselleiro do Medio Rural, José González, responde no Parlamento unha interpelación sobre as medidas da Consellería relativas á prevención de incendios forestais. | FOTO: Xoán Crespo.

O conselleiro do Medio Rural, José González, quixo recoñecer este mércores o traballo dos axentes ambientais que conforman a Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) en colaboración coas forzas e corpos de seguridade, que permitiu esta mesma semana enviar a prisión á presunta autora do lume do pasado agosto en Verín, con múltiples focos. En resposta a unha interpelación no pleno do Parlamento, tamén destacou que veñen de ingresar no cárcere outros tres presuntos responsables de ata 10 lumes como o de Ribas de Sil do ano pasado, ao tempo que insistiu en que estas persoas pagarán polo que fixeron co seu patrimonio para poder recuperar, en parte, os gastos de extinción, así como as perdas materiais en moitos lumes.

Na súa intervención, o conselleiro subliñou tamén que a profesionalidade e bo facer do Servizo de prevención e extinción de incendios forestais da Xunta fixo posible que non houbera que lamentar danos persoais a causa dos lumes rexistrados este verán na comunidade. Así, defendeu a protección prestada en todo momento por estes profesionais a aqueles núcleos rurais que sufriron desaloxos a causa dos incendios e quixo agradecer publicamente o seu esforzo.

 

Máis de 180 millóns en prevención e extinción

O titular de Medio Rural fixo ademais fincapé na importancia da prevención dos incendios, unha tarefa á que -indicou- a Xunta destina anualmente, xunto coa extinción, máis de 180 millóns de euros, sendo Galicia a comunidade española que máis inviste nesta materia. Este orzamento, segundo apuntou González, non só inclúe o propio plan preventivo, senón todas aquelas accións transversais como poden ser as relativas á recuperación da terra, ao plan de pastos ou ás de ordenación forestal, entre outras. Neste sentido, o conselleiro situou na xestión da terra e do territorio unha das claves para frear os incendios.

E en relación con este aspecto, José González puxo en valor os labores de prevención por máis de 30 millóns de euros en case 59.000 hectáreas e preto de 6.000 quilómetros de pistas e outras vías de comunicación que executa a Xunta ao abeiro do Plan preventivo deste ano, así como a xestión da biomasa mediante iniciativas como o convenio de protección das aldeas subscrito coa Fegamp e Seaga, ao que se atopan adheridos 276 concellos galegos.

Necesidade dun pacto autonómico "por enriba de intereses partidistas"

Así, lembrou os sete millóns de euros de orzamento deste convenio, que entre outras cousas permitiu que 259 municipios teñan xa o seu plan de prevención elaborado pola propia Consellería do Medio Rural, servindo de soporte para lograr que os veciños cumpran coa súa responsabilidade neste ámbito. Neste contexto de colaboración interadministrativa, o conselleiro salientou a relevancia desta cooperación e reiterou a necesidade dun Pacto autonómico centrado na loita fronte ao lume, "por enriba de intereses partidistas".

Medio Rural gaba o traballo da UIFO e Guardia Civil, que acabou coa detención da...