Os traballadores do hospital de Verín volverán a mobilizarse diante da porta e tamén cunha manifestación polas rúas
Medio cento de traballadores do hospital de Verín respostaron á chamada do comité de empresa para lles explicar cal está sendo a situación que, segundo entenden, padece o centro hospitalario logo dos recentes problemas de persoal en varios dos servicios do seu catálogo médico. Na reunión, na que estaban tamén algún que outro cirurxán e especialistas médicos, como o propio concellal do BNG en Verín, Eugenio Quintas, adoptouse o acordo de comezar as mobilizacións diante das portas do hospital todos os venres dende o vindeiro día 27 e durante un só mes. No caso de que tanto a dirección do centro como a propia Xerencia a nivel provincial non tome en consideración as protestas, convocarase unha nova manifestación polas rúas de Verín para volver a esixir unha sanidade de calidade e o mantemento do catálogo de servizos do hospital tal e como foi concebido no seu día.
Entre as principais demandas que, unha vez máis se reflectiron, están a do servizo de dermatoloxía, que quedou de xeito temporal -aínda que todos na reunión temían que fose xa definitivo- suspendido; o de cirurxía, onde só dous dos catro profesionais cos que debería contar están operativos e a pleno rendemento, ou o de pediatría hospitalaria, que segundo os membros do comité "así consta no catálogo deste hospital e que é evidente que non se está a prestar", sinalan.
A dirección tería que dar unha explicación de por que cada vez se están derivando máis intervencións a Ourense, cando se poderían realizar aquí. É palpable que se está a reducir de xeito preocupante e sibilino o número de intervencións que se practican
Outro dos temores manifestados polo persoal reunido foi o da posible desaparición do bloque cirúrxico: "A dirección tería que dar unha explicación de por que cada vez se están derivando máis intervencións a Ourense, cando se poderían realizar aquí. É palpable que se está a reducir de xeito preocupante e sibilino o número de intervencións que se practican", dixo Rosa Eva Fernández, de CIG - Saúde.
Na xuntanza tamén se falou doutro dos servizos que periga, segundo apuntaron, de xeito presencial, algúns dos traballores da cociña do hospital. Unha das integrantes da plantilla -pertencente a unha concesionaria- asegurou, de xeito público, que xa está en marcha o desmantelamento dese servizo en Verín para, posteriomente, subministrar a comida dos pacientes dende Ourense, en liñas de frío e calor. Así o sinalou a traballadora, destacando ademáis que "xa se coñecen os nomes que quedan e os nomes que se van".