sábado. 20.04.2024
Noelia Fernández, o primeiro bebé en estrealo, recibíu onte un diploma de man do Conselleiro de Sanidade

25 anos do primeiro hospital do Sergas, o de Verín

Moitas foron as lembranzas que o persoal directivo e sanitario, tanto en activo como xa xubilados, rescataron onte nos actos de conmemoración dos primeiros 25 anos do hospital comarcal de Verín. Pouco antes das sete da tarde, Noelia Fernández, o primeiro bebé en estrear as instalacións do paritorio alá polo 1994, recibíu de mans do Conselleiro de Sanidade, Jesús Almuiña, un diploma acreditativo da súa particular circunstancia. Ata Verín se achegaron tamén o subdelegado do Goberno, Emilio González Afonso, e o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa. Os actos remataron cunha cea de confraternización da meirande parte do persoal.

19053125 ANIVERSARIO HOSPITAL DE VERÍN  CMZ_3
Á conmemoración da institución acudiron os principais representantes políticos da comarca. | FOTO: Carlos Montero.

O Hospital de Verín celebrou o seu vixésimo quinto aniversario este venres cun sinxelo acto, para continuar a celebración cunha cea á que asistiron os profesionais do centro, xunto con moitos que traballaron nel neste cuarto de século. Noelia, a primeira nena nada no Hospital fai 25 anos, e os seus pais foron os invitados de honra nas instalacións, onde recibiron da man do Conselleiro de Sanidade, Jesús Almuiña, un diploma acreditativo. No acto, ademais do máximo responsable da Consellería, estiveron presentes o xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), Antonio Fernández-Campa; o subdelegado do Goberno, o verinense e médico de profesión Emilio González Afonso; o xerente da Estrutura de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco, Julio Fernández Comesaña, e o director da institución comarcal, Miguel Abad. No salón de actos tamén se deixou ver unha ampla representación das autoridades políticas da comarca de Monterrei e A Limia.


O de Verín, en 1994, foi o primeiro hospital posto en marcha pola Xunta de Galicia, desde a transferencia das competencias do Instituto Nacional de la Salud (Insalud) ao Servizo Galego de Saúde (Sergas). Supuxo un investimento que entón superou os 2.000 millóns de pesetas, para dar cobertura sanitaria a máis de 38.000 persoas, cun orzamento anual medio previsto de 1.200 millóns de pesetas.

19053125 ANIVERSARIO HOSPITAL DE VERÍN  CMZ_7Julio Fernández Comesaña (xerente da Estrutura de Xestión Integrada de Ourense, Verín e Barco de Valdeorras), Emilio González Afonso (subdelegado do Goberno), Jesús Almuiña (conselleiro de Sanidade), Antonio Fernández-Campa (xerente do Sergas) e Miguel Abad (director do hospital comarcal de Verín), no acto conmemorativo. | FOTO: Carlos Montero.

O seu funcionamento, instalacións e solucións foron innovadoras debido á total informatización dos seus departamentos sanitarios e administrativos, que o convertiron no primeiro hospital galego “libre de papel” con control automatizado. A nivel asistencial, foi pioneiro nalgunhas iniciativas como por exemplo a implantación da telemedicina, a detección do Helicobacter Pylori, os coidados paliativos a domicilio, as unidades de xestión clínica e autonomía dos servizos ou en contar cunha unidade dar dor.

En 1994 o Hospital de Verín contaba cunha carteira de servizos de medicina interna, cirurxía xeral, traumatoloxía, xinecoloxía-obstetricia, pediatría e urxencias, para posteriormente engadir outros como otorrinolaringoloxía, uroloxía, oftalmoloxía, dixestivo, pneumoloxía, reumatoloxía, hematoloxía e nefroloxía, algúns deles con continuidade dende entón, e outros só por un breve periodo de tempo, e que desde 2009, data da súa plena integración no Sergas se consolidaron.

19053125 ANIVERSARIO HOSPITAL DE VERÍN  CMZ_8No evento do 25 aniversario estiveron presentes, ademais das autoridades, grande parte do persoal do centro hospitalario, tanto activos como xa xubilados. | FOTO: Carlos Montero.

Mostra delo, tan só nos últimos dez anos, Verín ampliou a súa carteira de servizos con consultas de cardioloxía, neuroloxía, reumatoloxía, dixestivo e endocrinoloxía, ademais dunha Unidade de Oncoloxía Médica, o que permite ofertar directamente neste hospital, por vez primeira desde súa apertura en 1994, consultas destas especialidades, infrecuentes nun hospital comarcal, sen necesidade de que os veciños teñan que desprazarse a Ourense.

Igualmente, para facilitar unha maior accesibilidade, puxéronse en marcha e-consultas e telemedicina nos servizos de cardioloxía, dixestivo, dermatoloxía, oftalmoloxía e radioloxía; desde pasado ano unha Unidade de Hospitalización a Domicilio e establecéronse vías rápidas para o diagnóstico e tratamento dos cancros de pulmón, mama, colorectal, vexiga e pel.

 

MÁIS DE DOUSCENTOS TRABALLADORES

A súa posta en marcha en 1994, o Hospital contaba cun cadro de persoal de 140 traballadores, que se mantivo con pouca evolución ata xaneiro de 2009, data da extinción das fundacións sanitarias en Galicia. Naquel intre, o que Hospital de Verín contaba con 154 traballadores, que se homologaron, como persoal estatutario do Sergas, pasando, tan só dez anos despois, ata 213, o que supón un incremento do 38% en tan só dez anos pese a progresiva redución da poboación.

Neste eido, nos últimos anos tamén se deu unha pegada importante cara súa consolidación e garantía de crecemento futuro, extendendo a Xinzo de Limia a súa área de referencia, aumentando así a súa poboación, con 18.601 usuarios potenciais máis, que se benefician da súa ampla carteira de servizos e proximidade.

25 anos do primeiro hospital do Sergas, o de Verín