martes. 15.10.2024
A xornalista verinesa Esther Estévez conduce o exitoso espazo 'Dígocho eu'.
A xornalista verinesa Esther Estévez conduce o exitoso espazo 'Dígocho eu'.

A gala de clausura do Festival Internacional de Curtas de Verín, FIC Vía XIV, vai ter un componente extra para que ninguén a perda mañá ás 20:00 horas no Auditorio. Unha das súas vellas voluntarias será a encargada de presentala, sendo un exemplo da venta ó mundo que o FIC quere ser para o talento audiovisual da comarca.

A verinesa Esther Estévez, a cara visible do “Dígocho Eu” da TVG, será a encargada de conducir esta última gala que será “moi especial” porque se atopará nun sitio que supuxo un “antes e un despois” na súa carreira profesional. Estévez estará de volta na súa vila, onde cada vez que está recibe o agarimo da veciñanza e exemplo diso é que o pasado mes de maio o IES Castro de Baronceli púxolle o seu nome a unha aula.

Antes do peche do festival de mañá, o FIC hoxe contará con máis actividades. Ás 20:00 horas proxectarase o documental "Mauthausen, regreso ao campo da morte", que contará coa presenza do seu director, o historiador e xornalista Manolo Torrente. Pola noite, na Zona Roombo, haberá os concertos de En Mala Hora ás 22:30 horas e ás 00:00 horas o de Jesus The Snake.

 

A gala de peche do FIC é unha máis das que ten conducido nos últimos tempos, estalle gustando esta nova faceta?

Ao principio era algo que me daba algo de reparo, porque estou acostumada a falar diante dunha cámara. Non sabía como sería falarlle directamente á xente. Agora xa estou algo máis rodada e a verdade é que si lle collín gusto a isto de presentar. Fáiseme igual de fácil ou incluso máis porque a xente é moi agradecida, notas o seu cariño. Dende que fixen unha gala de entrega de premios do "Dígocho Eu" a finais do curso pasado, onde estiven con nenos e foi marabilloso, xa vou ó que me poñan.

Vostede foi voluntaria do FIC e agora presentará esta clausura nunha edición de volta á normalidade trala pandemia. Como se sinte?

Todo o que veña despois da pandemia é fantástico, pero para min é moito máis especial por iso e faime moita ilusión. É algo moi forte porque eu fun voluntaria no 2018 e sigo flipando con que agora estarei presentando a gala. Ó festival e a toda a xente que o fai téñolle un cariño inmenso, polo que todo é moito máis bonito, aínda que tamén sinto unha maior presión. Só quero animar á xente a que veña e que tamén participe no FIC.

Que oportunidade lle deu o seu paso polo festival?

Teño o lembranza de que foi unha semana moi intensa, pero gratificante ao ver que todo saía adiante. Para min, persoalmente, a nivel profesional téñolle un bo recordo porque a min permitiume coñecer outras cousas. Antes do FIC, o meu único contacto co mundo laboral foron as prácticas na Radio Galega, elexín a radio porque a televisión me aterraba. No festival fixen un montón de vídeos para as redes, aínda que se os vexo agora igual caio morta coa vergonza, e foron o meu primeiro contacto coa comunicación á cámara. Non me desgustou e quixen probar máis, por iso digo que o FIC foi un antes e un despois para min.

O "Dígocho Eu" triunfa nas redes. Queda aínda moito por explotalas como un medio de comunicación?

A verdade é que si. No caso concreto da TVG creo que se fixo un avance grandísimo e estamos no camiño de facer máis. En xeral, nos medios de comunicación non se é consciente do importantes que son as redes á hora de transmitir. Moita xente xa nin ve a televisión ou non merca o xornal e a súa única maneira de informarse é a través de Twitter ou Facebook. Isto é unha realidade. Temos que se conscientes de que hai un público que non consume as canles de información tradicionais e que a única maneira de chegar a eles son as redes sociais.

 

O fomento do galego é unha das cousas que fai o "Dígocho Eu". Precísanse máis iniciativas que favorezan o seu uso entre a mocidade?

A verdade é que o foco está agora posto no "Dígocho Eu" porque é un proxecto en galego sobre o galego, pero creo que fan falta máis cousas. Hai música, festivais e un montón de ocio en galego e débese tirar por aí. Hai que lograr que as persoas do mundo do entretemento queiran escoller a nosa lingua para chegar á xente. A mocidade galega precisa referentes galegos como o poden ser as Tanxugueiras neste momento, persoas que fagan rexurdir ese sentimento de orgullo polo noso.

O FIC, tamén impulsa esas iniciativas que apostan polo galego?

Todo o que se fai no FIC vai moito máis alá dun festival de curtas e de Verín. Tamén é cultura e orgullo do noso.

ENTREVISTA | Esther Estévez: "O FIC marcou un antes e un despois para min a nivel...