viernes. 19.04.2024
O grupo Dakidarría actuará este sábado no Extruga na rúa.
O grupo Dakidarría actuará este sábado no Extruga na rúa.

O Extruga na rúa festival arrancar mañá en Verín e, durante tres días, encherá de música e cultura urbana á vila. O grupo Dakidarría forman parte do cartel de actuacións do evento cun concerto que terán lugar na noite do sábado para o domingo -á 1:15- na Preguiza.

Dakidarría presentará ante o público o seu novo álbum, "Colaxe", un traballo que naceu durante a pandemia. Despois de 18 anos en activo, moitos foron os cambios que experimentou o grupo que mantén unha aposta pola música en galego desde hai unha década. Gabri, vocalista e guitarrista de Dakidarría, fala de todo o que o grupo mudou neste tempo.

Que cambiou de Dakidarría nestes casi 20 anos de actividade?

Houbo moitísimos cambios, de feito só quedo eu como integrante da banda que se formou naquel tempo. Éramos catro, quedei eu e outra xente foise unindo. Neste momento somos nove persoas e no medio destes case 20 anos pasou moito. Superamos os nosos soños iniciais, nunca imaxinamos que chegariamos a tanto, e incluso logramos presentar as nosas cancións en diversos países como Portugal, Francia, Alemania ou cruzar o Atlántico para levala a México. É bonito ver que algo que xurdiu case sen querer, converteuse no xeito de vida de moitos de nós.

En que punto decidiron apostar pola música en galego?

A decisión tomámola hai aproximadamente dez anos, cando nos decatamos de que as nosas letras estaban escritas nun idioma que non era o propio da nosa terra. Nós falamos de antigloblaización, de respeto á diversidade e da multiculturalidade e por iso cambiamos. Fixémolo como un acto de conciencia e a verdedade é que tiñamos medo de que fóra de Galiza se nos deixase de seguir, pero foi todo o contrario. As cancións que eran en galego cantábanse máis alto que as feitas en castelán en Madrid ou en Alicante. Non sabemos a razón, pero esa é a realidade.

Está no seu mellor momento a cultura musical galega?

Si, de feito en "Colaxe" queda plasmado no tema "Pobo de artistas". Nel puxemos en valor a gran cantidade de estilos musicais e bandas de artistas que hai hoxe en día utilizando o galego, algo que sería impensable hai cinco ou oito anos. A música en galego é capaz de encher festivais neste momento e estamos medrando cada vez máis. Superamos unha barreira de auto-odio e moita xente non dubida en apostar polo galego nas súas composicións. Hai dez anos só eran os grupos folk e algún punk ou de ska protestón os que cantaban en galego, mentres que agora atopas calquera estilo de música na nosa lingua. Temos que coidalo porque naceu do pobo ao non ter moito apoio dende as institucións.

A explosión de festivais de todo tipo de estilos, foi un apoio para este crecemento?

O certo é que si, pero tamén é verdade que últimamente a música que se está programando neles cambiou. A sensación que eu teño é que non hai tanto espazo para artistas de aquí, pero segue habendo festivais que apostan pola cultura propia. O importante é que estas bandas que nacen teñan un palco no que poder presentarse e o público os coñeza para sumar seguidores.

"Colaxe" é o último traballo de Dakidarría, que destacaría del?

É un traballo moi heteroxéneo, que ten pinceladas de todas as subculturas das que bebemos nestes case vinte anos. É un disco arriscado por parte de Dakidarría, porque esmigallamos o estilo que tiñamos definido. Apostamos por cancións de estilos moi marcados en cada unha delas, tamén profundizamos moito máis nas letras, onde hai historias moi bonitas. Pensamos que é un disco destes que tes que escoitar varias veces, algo complicado nestes momentos no que todo parece ser de usar e tirar. Ademais, gravámolo na Carpintería, no noso propio estudo e todo o fixemos pola nosa conta.

Este disco gravárono durante a pandemia, como foi o proceso nunha época na que a cultura se paralizou?

Foi un tempo moi duro para o sector cultural que non só afectou a nivel de traballo. Nós tivemos a sorte de que nos pillou cando comezabamos a compoñer este novo traballo, a nosa cabeza estaba ocupada noutra cousa. O que nos costou foi ter que dar concertos con público sentado, que non eran para nada o noso formato. Este ano xa parece que revivimos e ves que a xente ten moita enerxía acumulada, é unha pasada.

ENTREVISTA | Gabri, de Dakidarría: "Hai cinco anos era impensable que houbese tanta...