jueves. 25.04.2024
Xosé Ramón González preside a Xunta de Montes de Vilamaior.
Xosé Ramón González preside a Xunta de Montes de Vilamaior.

Este domingo xuntaranse a tradición co viño no Santuario dos Remedios coa romaría Val do Viño. A Xunta de Montes de Vilamaior organiza este evento na procura de recuperar vellas tradicións e unilas co sector vitivinícola, tan importante na comarca de Monterrei

Xosé Ramón González, presidente da Xunta de Montes de Vilamaior, destaca a importancia do santuario e do viño para a aldea e, con esta xornada, queren realzalos. Durante todo o domingo contarán con diversas actividades nas que a D. O. Monterrei terá moita presenza, ao igual que a historia dos Remedios.

A xornada de exaltación do viño arrinca un roteiro entre viñedos.
A xornada de exaltación do viño arrinca cun roteiro entre viñedos.

Como xurdiu a idea da romaría do Val do Viño?

No val de Monterrei o viño está tomando moita importancia, amparado pola Denominación de Orixe. Iso é un feito. Na nosa xunta de montes xa temos 10 hectáreas arrendadas a viticulturtores e outras 14 plantadas, o que amosa que o mundo do viño entrou a formar parte do noso pobo. Unido ao entorno do Santuario dos Remedios, moi querido en todo o val, queríamos realzar toda esta situación dalgún xeito e decidímonos por esta iniciativa. Por outro lado, poñemos en valor ás comunidades de montes que nos permiten ter unhas unidades de produción grandes e ser competitivos, onde toda a aldea é partícipe. O domingo uniremos este modelo económico co viño e o santuario.

Cal é o obxectivo desta festividade?

Faremos todo o posible por darlle ó sector primario a importancia que ten. Na pandemia a producción tradicional no campo, recuperando incluso terreos abandonados, foi fundamental. A relevancia que tivo, ten e terá este sector económico, no noso caso co traballo no viño da D.O. Monterrei, é de destacar.

O mundo do viño entrou a formar unha parte moi importante da nosa aldea e iso é algo que debemos destacar

Buscan explotar tamén a parte turística da devoción pola Virxe dos Remedios?

O santuario é un referente de fe. Neste tempo, aínda que se perdeu algo a tradición, Os Remedios séguese enchendo cada 8 de setembro. É un punto de encontro desde tempos inmemorables, xa que as familias quedaban alí para pasar o día de festa, e isto é o que temos que recuperar.

Por que o 3 de xullo?

Esta vez farémolo como unha proba piloto, teremos que facer reaxustes en vindeiras edicións. Estamos dispostos a seguilo facendo. O 8 de setembro non é unha boa data para mesturar todo, xa que as vendimas están a piques de comezar ou xa o fixeron e non poderiamos contar con moitas adegas como queremos. Eleximos unha data no verán, que cadrase ben e nun día que houbese bo tempo. Este domingo testaremos como sae. O 3 de maio tamén se baraxou, pero pola climatoloxía descartámolo.

Seguirán no futuro?

Na idea de todos está seguilo mantendo no tempo. Xúntase tradición con novidade, mesturando o viño con novos modelos de explotación agraria nun entorno como é o Santuario dos Remedios. Este domingo probaremos para ver como sae todo.

ENTREVISTA | Xosé Ramón González: "Con este I encontro Val do Viño queremos darlle ao...