viernes. 19.04.2024
José Luis Tielas, profesor do Conservatorio de Verín. | FOTO: Noelia Caseiro.
José Luis Tielas, profesor do Conservatorio de Verín. | FOTO: Noelia Caseiro.

José Luis Tielas, profesor do Conservatorio de Música de Verín, vén de dar un novo paso na súa formación. Esta pasada fin de semana levou a cabo un concerto de fin de máster co que rematou os seus estudos superiores en dirección de orquestra, tras varios anos estudando no Centro Superior KATARINAGURSKA de Madrid.

O recital de fin de máster tivo lugar no auditorio do Colexio de Médicos de Madrid, onde Tielas dirixiu unha orquestra ao igual que os outros tres compañeiros que remataban esta formación.

Que supoñen estes estudos para a súa carreira?

Rematei un máster no que me especialicei en director de orquestra e tiven a oportunidade de estudar con xente moi boa a nivel internacional, cuns mestres extraordinarios. Na música é algo normal ter que seguir formándose, creo que é realmente necesario nesta carreira. Tes que estar sempre reciclándote.

Isto non repercute só ao seu nivel persoal, tamén o fai nos seus alumnos?

Si. Cantos máis coñecementos tes, máis podes ensinar. O obxectivo creo que é ser mellor no traballo e considero que a maneira preferible de poder ensinar a outros é formándote a ti mesmo. Iso conséguese estudando e nós estamos nun mundo no que hai moitas portas que abrir, a música é complicada e difícil.

Foi doado realizar estes estudos superiores?

Non. Foi un sacrificio bastante grande porque non deixaron de ser seis anos indo a Madrid. Agora que o acabei, sigo sen saber nada porque me queda moito para aprender. Tiven a oportunidade de ampliar coñecementos con grandes mestres e ves que sempre hai algo novo por descubrir. Na carreira musical chegas a triunfar cando eres maior, no momento no que xa acumulas moito coñecemento. A sabiduría é o que fai aos grandes mestres.

Cales son os seguintes pasos que pensa dar?

Teño pensado facer un doutorado e para el precisaba este máster. O importante é aprender e eu fíxeno moitísimo neste centro, cuns grandes profesores. Custoume sacalo, pero con esforzo e sacrificio logreino.

Como pode aproveitalo na súa carreira?

No meu caso, eu fixen este máster para poder seguir estudando e por aprender, pero realmente aquí en Ourense non me vale para nada. Tería que marchar fóra para poder poñelo en práctica. Moitos profesionais exercen sen a titulación e hai conservatorios onde os mestres imparten especialidades nas que non teñen formación. Por sorte, eu estou aplicando coñecementos nos que me formei no Conservatorio de Verín, porque abriron praza e teñen a un profesor titulado na especialidade impartido a clase, pero iso só pasa en alí. No resto non ocorre, especialmente nos municipais, e eu xa vin procesos de regularización de emprego para escolas nas que buscan monitores, non a persoas tituladas. É fundamental facer as cousas ben e así haberá máis xente que estude. Hai moito nivel e auténticos monstruos da música, pero moitas veces pérdese ese talento, a non ser que te vaias fóra.

Como valora o traballo que se está a facer no CMUS de Verín?

En Verín estanse a facer as cousas moi ben. Dispón dunhas instalacións que son do mellorciño que hai en Ourense e tanto o Concello, como o profesorado e a ANPA, están impulsándoo moito. Os alumnos esfórzanse moito sacando adiante a carga lectiva do colexio e a do conservatorio, para min son como gladiadores.

ENTREVISTA | José Luis Tielas: "Hai moito talento na música que se perde, salvo que...